Europracticum ofrece na súa quinta edición 34 bolsas para prácticas profesionais en organizacións europeas

A realización de prácticas en empresas e organizacións europeas será o reclamo un ano máis dunha nova convocatoria, a quinta, do proxecto Europracticum (2010-2012), enmarcado nas iniciativas de mobilidade laboral do programa Leonardo da Vinci. Poderán beneficiarse deste programa 34 titulados/as da USC, que obtiveran a súa titulación entre xaneiro de 2005 e febreiro de 2010 (incluídos) e que desexen completar a súa formación con prácticas en empresas europeas, coñecendo novas formas de traballo nun ambiente multicultural, á vez que mellorar as súas competencias lingüísticas. Máis de 300 empresas e organizacións europeas colaboran coa USC no desenvolvemento desta edición, ademais doutras 20 universidades.Os países de acollida son os 27 que integran a Unión Europea, máis os tres países que teñen solicitada a súa adhesión Croacia, Turquía e a Antiga República Iugoslava de Macedonia. Estas estadías enténdense como complemento de formación e, polo tanto, estarán sempre acordes coa titulación do bolseiro. As solicitudes para participar neste convocatoria deberán presentarse antes do vindeiro 31 de outubro, data límite do primeiro prazo de inscrición desta convocatoria. Está previsto un segundo prazo que previsiblemente se desenvolverán xa o vindeiro ano. A inscrición nesta convocatoria formalizarase de xeito dixital pola web do Europracticum. As principais características desta nova convocatoria do Europracticum presentáronas este mércores 6 na Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo o vicerreitor de Coordinación do campus lugués, Pedro G. Herradón; a vicerreitora adxunta para estudos e grao e posgrao, Maribel González Rey; e Gloria Cruz Amil, da Área de Orientación Laboral da USC. Esta experiencia enmarcada no ámbito europeo aspira a reforzar as aptitudes e competencias dos novos titulados que se atopan a procura dunha primeira experiencia profesional, ofrecéndolle ademais a posibilidade de mellorar a calidade da formación profesional continua e da adquisición de competencias ao longo da vida. As bolsas ofertadas constan dun seguro médico e unha achega económica para gastos de viaxe, aloxamento e manutención ao longo das 24 semanas de duración da estadía de prácticas. A contía das bolsas oscila segundo o país de destino, comprendéndose entre os 2.196 euros para que elixa organizacións de Bulgaria e os 4.585 euros outorgados ás persoas que se dirixan a Noruega. Idiomas É requisito imprescindible para participar nesta convocatoria acreditar o coñecemento do idioma do país de destino. Para elo deberá acreditarse mediante certificación oficial conforme co establecido no Marco Común Europeo de Referencia ou superar a proba que se realizará tanto no Campus de Compostela como no de Lugo. Os candidatos poderanse examinar de inglés, francés, portugués, italiano e alemán. Aqueles candidatos que o desexen poderanse examinar de dúas linguas distintas. Quedarán exentas de presentarse á proba de lingua, as persoas que acrediten ter coñecemento de idioma, mediante a presentación (durante o prazo de inscrición) dunha certificación oficial. O nivel a demostrar é o B1, que corresponde ao esixido aos titulados no Espazo Europeo de Educación Superior. O exame consta de dúas partes, unha de léxico, gramática, comprensión, e expresión escrita cun valor de 80 sobre 100 puntos do total. Nunha segunda fase, os aspirantes deberán superar unha proba de comprensión auditiva, que suporá o 20% da nota final. Curso de habilidades sociais e técnicas empresariais O proceso de selección do Europracticum Vinclúe obrigatoriamente a realización do Curso de Habilidades Sociais e Técnicas Empresariais, para todos os candidatos inscritos no proxecto e que obtiveron a cualificación de apto no exame de lingua.Para a admisión na fase de entrevistas (seguinte fase doproceso de selección), considerase imprescindible ter asistido a un 80% da duración do curso (16 h). Unicamente en modalidade presencial, o curso está articulado en catro módulos nos que se tratan as habilidades sociais para o emprego, a organización de empresas, dirección comercial e a dirección financeira e da produción. Anteriores edicións Nas edicións anteriores concedéronse un total de 355 bolsas , alcanzando un grao de inserción laboral do 40% dos beneficiarios/as nas mesmas empresas nas que realizaron a súa práctica.