Skip to main content

O profesor da USC José Benlliure coordina a participación científica española no novo centro europeo de investigación en física nuclear

O profesor da USC José Benlliure coordina a participación científica española no novo centro europeo de investigación en física nuclear
O profesor da USC José Benlliure coordina a participación científica española no novo centro europeo de investigación en física nuclear
Interveñen nel investigadores galegos do Instituto Galego de Altas Enerxías da USC e da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Vigo

O profesor do Departamento de Física de Partículas da USC José Benlliure será o encargado de coordinar o equipo de científicos españois que participará activamente no novo centro europeo de investigación en física nuclear ( FAIR ). O centro, que se emprazará na cidade alemá de Darmstadt, xorde para dar resposta a preguntas tan fundamentais como cal é a orixe da masa da materia ou onde e como se crean no Universo os elementos químicos presentes na Terra, así como entender a menos coñecida das catro interaccións fundamentais presentes no noso Universo: a interacción forte. Permitirá ademais desenvolver aplicacións no campo da física médica, a enerxía ou os novos materiais. Papel crucial da USC No programa científico do FAIR participan 2.500 investigadores de todo o mundo. En España, o profesor Benlliure coordina a máis de 120 científicos de dez Universidades -Autónoma e Complutense de Madrid, Granada, Huelva, Politécnica de Barcelona, Salamanca, Santiago, Sevilla, Valencia e Vigo-, tres institutos do Consello Superior de Investigacións Científicas -o de Física Corpuscular de Valencia e os de Estrutura da Materia e de Matemáticas e Física Fundamental de Madrid- e do Centro de Investigacións Enerxéticas, Tecnolóxicas e Ambientais. Cabe destacar a participación dunha vintena de investigadores do Grupo Experimental de Núcleos e Partículas pertencente ao Instituto Galego de Altas Enerxías da Universidade de Santiago de Compostela e cinco da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Vigo. Estes dous grupos contribúen activamente a este proxecto en colaboración con empresas galegas liderando tarefas de deseño e construción de detectores de partículas que serán unha parte importante dos experimentos que alí se realizarán. Prioridade europea O FAIR é unha das infraestruturas científicas prioritarias para a Comisión Europea recollida na súa lista ESFRI. O seu custo ascende a 1.186 millóns de euros, dos que o 75% é financiado polo goberno alemán e o resto polos países participantes. Nel empresas españolas de alta tecnoloxía, coordinadas polo CIEMAT, deseñarán e construirán varios compoñentes dos aceleradores de FAIR. O centro estará equipado cun moderno sistema de aceleradores para producir núcleos exóticos que permitirán estudar a estrutura da materia a nivel subatómico e a súa influencia na comprensión da orixe e evolución do Universo. FAIR cubrirá o intervalo existente entre a física de partículas, que se encarga do estudo dos constituíntes fundamentais da materia, e a física de estado sólido e materiais, que traballa nas estruturas complexas da materia. Os dez países fundadores -Alemaña, Eslovenia, España, Finlandia, Francia, India, Polonia, Romanía, Rusia e Suecia- participaron esta semana na cidade alemá de Wiesbaden na cerimonia de sinatura do convenio de creación deste centro.

The contents of this page were updated on 10.06.2010.