O Servizo de Publicacións da USC edita dous novos volumes da Cátedra Valente de Poesía e Estética
Cando se cumpren 10 anos do falecemento de José Ángel Valente a Cátedra Valente de Poesía e Estética da USC, custodia do arquivo e biblioteca doados polo poeta, ve publicados dous novos libros que se suman á ducia de volumes da última década. Poetas con Valente e Presencia de José Ángel Valente son as dúas novas propostas editoriais, un libro de creación e outro de estudo respectivamente nos que o lector atopará poesía e ensaios arredor do escritor ourensán. No primeiro caso, reúnense poemas de seis autores en lingua galega, española e catalá vinculados polo estudo e pola amizade a Valente. Representando a diferentes épocas Luz Pozo Garza, Antonio Gamoneda, Pere Gimferrer, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e Tera Blanco son os autores dunha selección de textos dedicados a Valente, poemas que el estimou expresamente ou que conectan dalgún modo coa súa vida ou obra. Pola súa banda, Presencia de José Ángel Valente, coordinado e introducido por Andrés Sánchez Robayna, contén catorce ensaios de diversos analistas, terminando coa contribución do poeta colombiano Nicanor Vélez. Trátase dunha mostra de cómo o poeta segue a suscitar interese “moitos máis alá das nosas fronteiras”, apunta o director da Cátedra, o profesor Claudio Rodríguez. A Cátedra de Poesía e Estética creouse no ano 2000 con motivo da doazón do arquivo e biblioteca persoais do escritor á USC, onde comezará os seus estudos. A cátedra encárgase dende entón da custodia, organización e estudo do importante material doado así como da organización de actos e a publicación de obras relacionadas con este legado e, por expreso desexo de Valente, co poesía e coa estética do noso tempo.
Así, no seu primeiro decenio de vida, desenvolveu as coleccións Biblioteca da Cátedra Valente e Serie Punto Cero, participou en coedicións, achegou material para numerosas recompilacións e exposicións sobre o poeta e outros autores relacionados, e documentando numerosas obras de investigadores arredor do mundo.