A USC asistiu á X Xunta Xeral de Accionistas de Universia

Universia, a maior rede de universidades de fala hispana e portuguesa, celebrou o pasado venres a súa X Xunta Xeneral de Accionistas no Real Teatro de San Fernando, na Universidade de Cádiz, unha xuntanza á que acudiu o reitor compostelán, Juan Casares Long. Na asemblea, que contou coa asistencia da totalidade dos accionistas de Universia en España (79 universidades españolas e institucións de educación superior), repasouse a actividade desenvolvida pola rede en 2009 e establecéronse as liñas de actuación do seu plan estratéxico 2011-2013. O acto estivo presidido por Emilio Botín, presidente de Universia e de Banco Santander; Diego Saes, reitor da Universidade de Cádiz; Federico Gutiérrez-Solana, presidente da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE); José Antonio Villasante Cerro, director xeral da División Global Santander Universidades; e Jaume Pagés, conselleiro delegado de Universia. Ao organizar a súa xunta de accionistas na Universidade de Cádiz, Universia únese á celebración do bicentenario da redacción da Constitución de Cádiz de 1812, unha Carta Magna que, en palabras de Emilio Botín, “expresaba a importancia da educación como principal factor de progreso ao dedicarlle expresamente un dos seus títulos, o noveno”. Os retos da universidade española O presidente de Universia declarou que “a sociedade española se enfronta a desafíos importantes, algúns propios, outros globais, cuxo desenlace condicionará o futuro das novas xeracións” e afirmou que a Universidade ten a responsabilidade de liderar este cambio, e que “sería un erro non facer un esforzo para incrementar os investimentos na educación universitaria, a investigación e a innovación”. Referiuse aos retos que ten que abordar a Universidade española, que son a necesaria mellora da súa produción científica, o incremento da mobilidade internacional, o avance no seu posicionamento nos ranking de universidades máis recoñecidos, dispor dun sistema de financiamento adecuado e dun sistema de goberno máis eficaz e aumentar a transferencia do coñecemento. Defendeu que o sistema universitario seguirá gañando en eficiencia na medida en que a oferta de títulos reflicta as necesidades do mercado de traballo. Finalmente, recoñeceu o esforzo realizado polas universidades españolas no proceso de implantación do Espazo Europeo da Educación Superior, que culminou con éxito neste ano 2010. Compromisos da Axenda de Guadalaxara Respecto dos compromisos nados do II Encontro Internacional de Reitores Universia celebrado este ano en Guadalaxara e no que estiveron representadas 1.100 institucións de educación superior dos cinco continentes, Botín lembrou os seus cinco grandes eixos de actuación, que haberían de levar a unha Universidade socialmente comprometida, internacionalizada, formadora, eficiente, e creativa, innovadora e emprendedora. Lembrou tamén no seu discurso o compromiso do banco de dedicar 600 millóns de euros nos próximos cinco anos a proxectos universitarios, como o novo programa de mobilidade iberoamericana de estudantes e mozos investigadores que se porá en marcha no curso académico 2011-2012. Nesta primeira edición serán 250 bolsas para estudantes españois de grao e 50 para investigadores españois. En total, polo menos 4.000 estudantes españois de grao beneficiaranse destes programas entre 2011 e 2015. Plan estratéxico de Universia 2011-2013 Co novo plan estratéxico de Universia, con horizonte en 2013, a rede universitaria haberá de acompañar á universidade nos novos escenarios, marcados pola evolución tecnolóxica e da cultura dixital asumida de forma masiva por persoas e sociedades. Un dos principais eixos de actuación refírese ao emprego universitario. Universia, a través da plataforma traballando.com, facilitou que 584.363 universitarios establezan o seu primeiro contacto co mercado laboral desde 2006 ata agora. Do total, son 129.226 os universitarios que se beneficiaron deste servizo entre xaneiro e agosto de 2010 (un 24% máis que no mesmo período de 2009).