Skip to main content

Estudan a introdución no organismo humano de sensores que alertan da presenza e agresividade dun tumor

Integrantes do equipo de Oncoloxía Molecular da USC nos seus laboratorios con José A. Costoya (abaixo á dereita)
Integrantes do equipo de Oncoloxía Molecular da USC nos seus laboratorios con José A. Costoya (abaixo á dereita)

Enxeñaría xenética, proteínas que emiten luz e sensores para detectar o crecemento dun tumor poderían ser os ingredientes dun filme de ciencia ficción. Non obstante estes son os eixos dunha liña de investigación arredor da que está a traballar o grupo de Oncoloxía Molecular da USC. Os investigadores deste equipo están a empregar nos seus ensaios de laboratorio unha técnica de imaxe funcional óptica baseada na emisión de luz, para a localización dos tumores e a determinación da súa perigosidade. Este sistema, que se atopa en fase experimental, controla a fabricación de proteínas que emiten luz. Así, a través dun entramado de enxeñaría xenética, os investigadores poden inocular nas células un sensor que fai que cando estas medran emitan luz, de maneira que é posible visualizalas. “Unha maior intensidade de luz indica unha maior agresividade do tumor” o que denotaría un rápido crecemento e a posibilidade de estenderse a outras zonas, explica o coordinador do proxecto, José Antonio Costoya Puente. O resultado final é unha imaxe funcional, é dicir, a posibilidade de coñecer se existe un tumor e se é pouco ou moi agresivo. A explicación deste mecanismo ten a súa razón de ser no propio funcionamento do organismo humano. “Cando un tumor é moi agresivo –sinala outro dos investigadores, Pablo Iglesias Vázquez- unha cantidade de células descontrólase ao tempo que se multiplican, de xeito que a achega de osíxeno por parte dos vasos sanguíneos faise insuficiente”, é o que se coñece como hipoxia. Tal e como indican os expertos, a natureza ten mecanismos para vencer esta situación, xa que existe un “ detector” que fai que, ante baixas concentracións de osíxeno, o organismo responda coa fabricación de novos vasos sanguíneos. Trátase dunha especie de ‘interruptor molecular’. De xeito particular, o equipo compostelán céntrase no estudo das células tumorais que metastatizan no cerebro e no pulmón, localizacións máis habituais para certos tipos de cancros, sinala Costoya Puente. Este método de imaxe, que ademais posúe a cualidade de non ser invasivo, trasladaríase ao paciente en pequenas moléculas inxectables “que funcionen como sensores, permitindo a ‘ monitorización’ da enfermidade para o seu estudo e seguimento”. Trátase dun “avance importante” con respecto aos actuais sistemas de diagnose por imaxe, baseados en isótopos radioactivos”. A mellora sería extensible igualmente ao ámbito da cirurxía oncolóxica, facéndoa máis selectiva e cun mellor prognóstico, en definitiva máis efectiva. Mostra de como se visualizan as metástases pulmonares dun cancro de mama nun modelo, no que se poden ver os dous pulmóns afectados

The contents of this page were updated on 10.19.2010.