A Sociedade Galega para a Promoción da Estatística de Investigacións de Operacións celebra en Santiago o Día Mundial da Estatística
A Sociedade Galega para a Promoción da Estatística de Investigacións de Operacións (SGAPEIO), cuxo vicepresidente de Estatística é o profesor do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC Pedro Faraldo, organiza o día 20 na Facultade compostelá de Matemáticas os actos de celebración do Día Mundial da Estatística que Nacións Unidas estableceu para concienciar da relevancia desta ciencia na sociedade. O programa do acto, que inaugurará o reitor Juan Casares, contempla varios relatorios en dous paneis concretos. Por unha banda analizarase a estatística nas ciencias da saúde, nas finanzas, na enerxía e na industria e, por outra, na administración pública e no ensino. Participarán nesta xornada conmemorativa profesores das tres Universidades galegas, da propia Sociedade organizadora e dos Institutos Nacional e Galego de Estatística, entre outros Un instrumento con futuro A importancia da estatística, instrumento de uso inevitable na busca de coñecemento, é hoxe incuestionable, ata o punto de que a revista Science cualifica os métodos estatísticos para interpretar datos en condicións de incertidume como un dos 20 desenvolvementos científicos “máis significativos” entre los acontecidos no século XX polo seu impacto sobre a nosa forma de vida e de coñecernos a nós mesmos e o mundo que nos rodea. En palabras da Organización Mundial da Saúde, “en todos os dominios das Ciencias da Saúde, na súa vertente clínica, administrativa ou de investigación é indispensable coñecer os principios estatísticos para comprender ben os problemas, e o profesional da saúde necesita dos datos estatísticos para tomar decisións válidas”. Os estudos de estatística son, para Pedro Faraldo, unha profesión “de pasado, presente e futuro” en numerosos campos, entre os que se poden destacar as finanzas, a enxeñaría, o medio ambiente, as novas tecnoloxías, a estatística Oficial (INE,IGE,EUROSTAT) ou as Ciencias da Saúde.