Especialistas europeos analizan na USC a situación actual do mercado de traballo en clave legal
Especialistas de Francia, Italia, Portugal e España analizarán na Facultade de Dereito da USC a situación actual do mercado de traballo, de xeito particular nas dificultades asociadas á busca de emprego para determinados colectivos como a xente nova, as mulleres e as persoas con discapacidade. Esta reflexión conxunta desenvolverase ao amparo do Encontro Internacional sobre Dereito do Emprego e Diálogo Social, a celebrar os días 29 e 29 de outubro na facultade compostelá. Un total de 35 expertos avaliarán ademais as políticas da Unión europea, as dos países aos que representan e das da comunidade autónoma de Galicia en materia de creación e mantemento do emprego ante a situación actual de crise. Esta actividade está dirixida fundamental a profesionais do ámbito do Dereito e da Economía, aínda que tamén ao resto de titulacións. O alumnado que decida matricularse nesta proposta formativa poderá validar a súa asistencia por un crédito de libre configuración. O programa, deseñado de xeito áxil e práctico, agrupa o conxunto de intervencións previstas arredor dunha serie de bloques temáticos como son acceso á ocupación, a formación e a promoción profesional; novos xacementos, estabilidade e calidade no emprego; e o caso dos traballadores especiais ou vulnerables.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web http://www.rigelss.es/actividades.php, onde se pode consultar o programa completo do evento e a forma de inscrición.