O investigador Óscar Cordón disertará sobre os avances das técnicas de Soft Computing no eido da antropoloxía forense
A identificación de persoas desaparecidas atopou no campo da Física importantes ferramentas que axuden a avanzar dun xeito máis rápido e preciso. É o caso das técnicas de Soft Computing ao permitir reconstruir automaticamente modelos 3D de cráneos humanos que se superpoñen con fotografías de persoas desaparecidas para a súa identificación.
Este será o eixo argumental da conferencia ‘Identificación forense por superposición craneofacial mediante algoritmos evolutivos e lóxica fuzzy’ que o investigador do Centre for Soft Computing, Óscar Cordón, pronunciará este venres 27 na Sala de Xuntas do Departamento de Electrónica e Computación (edificio do Monte da Condesa) a partir das 12:30 horas. A intervención describirá a utilización de técnicas de Soft Computing como a lóxica fuzzy e os algoritmos evolutivos nun proxecto que apoia o labor do antropólogo forense.
Os contidos desta presentación son parte dun proxecto que está a liderar o conferenciante na Unidade de Investigación ‘Applications of Fuzzy Logic and Evolutionary Algorithms que dirixe no European Centre for Soft Computing (ECSC) en colaboración co Laboratorio de Antropoloxía Física da Universidade de Granada.
O doutor Cordón referirase tamén á infraestrutura, o equipo e as principais liñas de investigación que se desenvolven no (ECSC), centro de I+D creado a principios de 2006 en Mieres e dedicado á investigación básica e aplicada así como á transferencia de tecnoloxía en aplicacións industriais dos sistemas intelixentes para a resolución de problemas reais. O centro sería ademais un punto de encontro para expertos de todo o mundo e un lugar no que estudantes de doutoramento e novos científicos poidan desenvolver investigación avanzada.
Respecto do conferenciante, Óscar Cordón atópase entre os investigadores máis citados do mundo, con máis de 210 artigos científicos, incluíndo un libro de investigación sobre genetic fuzzy systems e 47 artigos en revistas internacionais indizadas no SCI-JCR.