Juan Monterroso tomou posesión como decano de Xeografía e Historia
“Un centro cun extraordinario atractivo para os seus alumnos e docentes”. Así definiu o profesor de Historia da Arte Juan Monterroso Montero a Facultade de Xeografía e Historia na súa toma de posesión como novo decano. O acto protocolario presidiuno o reitor, que coincidiu en que é este “un dos centros máis senlleiros, con máis visibilidade e con maior impacto social da USC”.
Na cerimonia Monterroso, que estivo arroupado por numerosos amigos e compañeiros, lembrou que Xeografía e Historia é un dos centros con maior matrícula dentro do ámbito das Humanidades e Ciencias Sociais,”a pesar dos diferentes envites dos últimos anos”, e cuxo potencial “transcende os límites das licenciaturas e dos futuros graos cuns estudos de doutorado e posgrao de extraordinaria calidade”.
Sobre o proceso de adaptación ao EEES, o novo decano mostrouse satisfeito de que nestes momentos as tres titulacións dispoñan xa do seu correspondente grao, “do mesmo xeito que todos os departamentos están no proceso de redefinición e transformación dos seus programas de doutoramento en máster de investigación”. Un proceso que, matizou, obriga a “unha reflexión profunda sobre a oportunidade de implantación dalgúns deles, como o Máster en ensinanzas secundarias que hoxe está en proceso de alegacións”.
O esforzo da Facultade por adaptarse ao EEES foi tamén eloxiada por Senén Barro, que tivo palabras especiais para un dos graos aprobados, o de Xeografía e Ordenación do Territorio, “cunha perspectiva moi atractiva en tanto ten en conta os posibles ámbitos de proxección deses coñecementos”.
Acompañan ao decano no seu equipo María del Carmen Rodríguez e Jesús Balboa como vicedecana e vicedecano de Asuntos Académicos e Económicos, respectivamente; e Pilar Rodríguez como secretaria.