Skip to main content

Granxafamiliar lánzase ao mercado español

Granxafamiliar.com pon a disposición dos usuarios unha nova versión en castelán do seu web que propiciará o salto ao mercado español. Este portal experimental posto en marcha en 2007 diríxese ás familias agrarias produtoras de Galicia que tradicionalmente practicaron o policultivo e a multifuncionalidade rural destinando a súa produción ao autoconsumo familiar e que actualmente están en disposición de poñela no mercado.
O avance facilitará a introdución nos mercados rurais e urbanos de Galicia e do resto da Península da produción tradicional e dará a coñecer os produtos de calidade existentes no medio rural galego. A iniciativa foi levada a cabo a partir das numerosas mostras de interese recibidas no Grupo de Investigación Gis-T Idega da Universidade de Santiago por parte de cidadáns de diferentes puntos da Península por coñecer os seus servizos e adquirir os seus produtos.
A versión en castelán do web diríxese a calquera comprador, familia, colectivo ou empresa en xeral, institucións sociais ou outros que se sintan atraídos polos prezos, a calidade dos produtos e por unha nova forma de comercio que dende o proxecto Granxa Familiar denominan como “a máis xusta para Galicia”.
Ademais, grazas aos acordos alcanzados coas empresas de transporte Tourline Express e Integra2 para o desenvolvemento da loxística, Granxafamiliar.com está en condicións de enviar a calquera punto de Galicia e do resto de España a produción tradicional de hortalizas, viños ou mel con custes de transporte altamente competitivos.
Granxas familiares de concellos de toda Galicia participantes no proxecto de I+D+i da USC poderán así intensificar as actividades de comercialización directa dos seus produtos sen intermediarios, destacando o envío dos que necesiten de transporte refrixerado (carne) así como para grandes cantidades, todo nun prazo de entre 19 e 48 horas.
Na actualidade Granxa Familiar xa está distribuíndo fóra dos límites galegos pataca e outros produtos da horta de Bergantiños a Málaga, marmeladas do Caurel a Barcelona, tomates de Ponteceso a Asturias ou mazás ecolóxicas das Neves a Madrid.

The contents of this page were updated on 01.30.2009.