Skip to main content

Historiadores europeos e americanos reflexionan na USC sobre a conservación da memoria no Salvador contemporáneo

Especialistas e convidados do Centro Interdisciplinario de Estudos Americanistas Gumersindo Busto (CIEAM) da USC e do Instituto de Estudos Históricos, Antropolóxicos e Arqueolóxicos da Universidade Nacional de El Salvador reuniranse a vindeira semana en Compostela para reflexionar sobre a conservación da memoria nas sociedades contemporáneas, e concretamente no Salvador.
No II Coloquio Internacional de Estudos Latinoamericanos ‘Conservando a memoria. Historia e política en El Salvador contemporáneo’ analizarase así mesmo como a experiencia sobre memoria histórica desenvolvida nos últimos anos en Galicia pode servir de referencia para outras institucións e ámbitos xeográficos que sufriron procesos traumáticos no seu pasado recente.
Entre os días 6 e 8 de maio no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, e coordinado polos profesores da USC Eduardo Rey e Pilar Cagiao, o coloquio será punto de encontro de prestixiosos especialistas que analizarán a historia recente do país americano, que sufriu longas ditaduras militares (1932-1979) que deron pé na década dos setenta a un conflito socio-político aberto e crecente e que concluíu desde comezos dos oitenta ata 1992 na guerra civil máis importante e sanguenta do continente en todo o século.
Visitarán a USC o director do Instituto de Estudos Históricos, Arqueolóxicos e Antropolóxicos da Universidade de El Salvador, Ricardo Argueta; a coordinadora do Arquivo do Museo da Palabra e a Imaxe de El Salvador, Georgina Hernández Rivas, e investigadores de Universidades parisinas ou mexicanas, entre outros.

The contents of this page were updated on 04.30.2009.