Skip to main content

A Escola Politécnica Superior de Lugo acollerá o luns o V Congreso Nacional e II Congreso Ibérico Agroenxeñaría 2009

O conselleiro de Medio Rural impartirá a conferencia inaugural

O V Congreso Nacional e II Congreso Ibérico de AgroEnxeñaría que terá lugar entre os días 28 e 30 de setembro na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo inaugurase o luns ás 11:00 horas cunha conferencia do conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, Samuel Juárez Casado. Asisten a este acto de apertura o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o alcalde, Xosé López Orozco; o presidente da Deputación Provincial, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente de Caixa Rural, Jose María Pardo Montero; o Presidente da Sociedade Española de Agroenxeñaría, Saturnino de la Plaza Pérez; e o director da EPS e presidente do comité organizador, Javier Bueno.
O evento, que espera acoller preto de 300 asistentes, contará coa participación como conferenciantes de destacados investigadores no campo da Agroenxeñaría como Fedro Zazueta, da Universidade de Florida; Hans Griepentrog, da Universidade de Copenhague, Keith Crews, da Tecnolóxica de Sidney; e Demetres Briassoulis, da Universidade Agrícola de Atenas.
En canto ás áreas temáticas que se tratarán ao longo destes días, haberá un apartado dedicado á construción, na que se achegarán os últimos coñecementos sobre estruturas e elementos de edificación na agroindustria e en infraestruturas rurais. No apartado de enerxía, falarase de electrificación e de enerxías renovables.
No congreso tamén se analizarán os equipos de tracción e manexo da maquinaria de cultivo e aproveitamentos forestais, así como dos materiais para regar e xestionar a auga. Haberá, así mesmo, un apartado dedicado ás tecnoloxías nas que se falará sobre estruturas de invernadoiros, os equipamentos de produción animal ou os procesos industriais tras a colleita.
Este congreso está organizado polo departamento de Enxeñaría Agroforestal e a Escola Politécnica Superior de Lugo, en colaboración coa Sección Especializada de Enxeñaría Rural da Sociedade de Ciencias Agrarias de Portugal.

The contents of this page were updated on 09.25.2009.