Skip to main content

A USC, a Consellaría de Innovación e a Axencia EFE apoian a creación e impulso de contidos e servizos galegos para a sociedade da información

A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da información, Helena Veiguela, acordou hoxe cos vicerreitores de Relacións Institucionais e de Cultura da USC, Lourenzo Fernández e Elias Torres, e co delegado da Axencia EFE en Galiza, Arturo Larena, impulsar un convenio de colaboración entre a Consellaría, a Universidade compostelá e a axencia no ámbito da Sociedade da Información.
Na súa aposta polo desenvolvemento da Sociedade da Información na sociedade galega, a Consellaría decide con esta actuación apoiar a creación e impulso de contidos e servizos galegos para a sociedade da información, conforme as liñas de actuacións descritas na estratexia operativa de contidos incluída no Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información aprobado polo Parlamento Galego o 30 de marzo de 2007.
Pola súa parte, a USC está fondamente comprometida no desenvolvemento da Sociedade do Coñecemento mediante o uso de novas tecnoloxías que deben servir para mellorar tanto a difusión cultural e científica como para ser empregados como novos instrumentos para a formación. Neste sentido, procura dispoñer de políticas de comunicación e publicación da información e facer destes novos medios e soportes a principal vía de comunicación interna e de proxección exterior da Universidade.
Para a realización dos obxectivos marcados estableceranse os procedementos de colaboración adecuados para cada un dos fins previstos, contando por parte da Consellaría coa colaboración dos diferentes instrumentos de impulso da sociedade da información creados como consecuencia da aprobación do PEGSI: Oficina técnica do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información, o Observatorio Galego das TIC, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre: Mancomún e a Rede de Dinamización da Sociedade da Información.
En virtude do acordado, a USC comprométese a crear un sistema de información audiovisual nos diferentes centros docentes da USC mediante a creación de canles continuas de información a través de pantallas informativas, na que unha parte estará fragmentada por audiencias, recollendo información específica correspondentes ás titulacións de cada centro e achegada pola Axencia EFE, xunto con información institucional. Ademais, producirá e difundirá unidades de divulgación científica e cultural en formato multimedia, incluíndo vídeo, fotografías, sons e texto.
Os acordos presentados estenderán a súa vixencia dende o momento da súa próxima materialización en forma de convenio ata o 31 de decembro de 2011.

The contents of this page were updated on 01.29.2009.