O profesor Xosé Carro Otero completa o ciclo de conferencias sobre Rodríguez Cadarso
O ano Rodríguez Cadarso prosegue, en recoñecemento ao que fora reitor da institución na década dos anos 30, prosegue este mes de xaneiro co desenvolvemento das súas actividades. Enmarcado nesta efeméride, e nas xornadas ‘Rodríguez Cadarso: un reitor para un país’, o profesor Xosé Carro Otero pronunciará este mércores 14 unha conferencia na Facultade de Medicina.
O profesor Carro intervirá co relatorio ‘Unha lección anatómica en retrospectiva (1916-1939)’ ás 19:30 horas no Salón de Actos do centro, nun acto que presidirá o vicerreitor de Cultura, Elías Torres, e que presentará o decano do centro, José Mª Fraga.
Rodríguez CadarsoAlejandro Rodríguez Cadarso (1887-1933), impulsor do desenvolvemento do campus sur compostelán e da residencia de estudantes, foi catedrático de Anatomía na Universidade compostelá, tarefa que compaxinou co seu labor como deputado pola Organización Republicana Galega Autónoma durante a República, etapa na que se caracterizou polo seu apoio á autonomía de Galicia.
Vicerreitor da USC dende novembro de 1929 e reitor dende marzo de 1930, como responsable da institución pretendeu ligar a Universidade coa cultura e coa sociedade galega en xeral, favorecendo a súa modernización. Ademais do desenvolvemento do Campus Sur, durante o seu mandato fundáronse o Instituto de Estudos Portugueses e o Instituto de Estudos Rexionais, exemplos da súa vontade de intensificar as relacións con Portugal e de potenciar a entrada dos estudos sobre Galicia na Universidade, en colaboración con profesores e estudantes galeguistas e o Seminario de Estudos Galegos.