Skip to main content

O Servizo Universitario de Residencias da USC, apostando pola calidade

Tres Colexios Maiores e dúas residencias universitarias situadas no Campus de Santiago e outra residencia no de Lugo conforman o Servizo Universitario de Residencias da USC (USC), considerado como un dos mellores de Europa polas súas instalacións e servizos. O seu bo facer ademais tense reforzado recentemente coa concesión por parte da Asociación Española de Normalización y Certificación (AENOR) das certificacións de Seguridade e Saúde no Traballo conforme ao documento internacional OHSAS 18001.
Estas certificacións permitirán, en opinión do vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán, “conseguir unha maior transparencia e eficacia nas medidas de seguridade e saúde laboral”. A concesión pecha un longo de proceso que inclúe diversas actividades de formación e sensibilización así como visitas de avaliación externa. O máximo responsables da área de Residencias na USC considera que os obxectivos acadados son froito do traballo conxunto de diversas vicerreitorías e da implicación do persoal dos servizos afectados. Xunto co SUR, foron acreditados tamén o Instituto de Cerámica de Galicia e a Escola Infantil Breogán.
A oferta de prazas do SUR para o presente curso ascendeu a 1300 prazas de aloxamento distribuídas nos colexios maiores Rodriguez Cadarso, San Clemente e Fonseca e nas residencias Burgo das Nacións, Monte da Condesa e Jesús Bal y Gay, esta última en Lugo.Do total das prazas ofertadas, 1.050 destínanse a estudantes de 1º, 2º Ciclo e grao, 105 a alumnos de 3º Ciclo, posgrao oficial e investigadores en formación,90 a estudantes de programas de mobilidade nacional e intercambio internacional, 8 a Persoal Docente e Investigador e Persoal de Administración e Servizos, 20 a estudantes de Posgrao propio e do Curso de Aptitude Pedagóxica ou equivalentes, e 27 para membros da comunidade universitaria da USC discapacitados.
Unha vez aplicados os baremos económicos correspondentes, están subvencionadas todas as prazas asignadas aos estudantes cuxa Renda Persoal Dispoñible (RPD) sexa inferior a 9.000 euros. Neste senso, os prezos das prazas oscilan entre os 45 e os 214 euros para aquelas subvencionadas e entre os 244 e 284 euros para solicitantes cuxa RPD sexa igual ou superior a 9.000 euros.

The contents of this page were updated on 01.08.2009.