Continúan os concertos do ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira' coa actuación o luns de Fernando Arias e Miguel Ángel Ortega
O ciclo de ‘Músicas a carón da Mosqueira’, do Convenio Lugo Cultural, continuará este luns 12, coa actuación de Fernando Arias e Miguel Ángel Ortega, cun concerto de violonchelo e piano, na Fundación Caixa Galicia a partir das 20:30 horas. Este ciclo consta de oito actuacións, das que xa se celebraron dúas e que achega a Lugo a música clásica coa participación de numerosos artistas.
Arias e Ortega ofrecerán en Lugo unha mostra dos seus traballos, distinguidos con numerosos premios e protagonistas en eventos de carácter mundial. O programa da actuación consta de dúas partes, con pezas de Mozart, Gaspar Cassadó e César Franck, entre outras. O próximo concerto dentro deste ciclo terá lugar en febreiro da man do Cuarteto ‘Qvixote’.
As persoas interesadas en obter máis información sobre este ciclo e do resto da programación de Lugo Cultural poden facelo a través da súa web www.lugocultural.es.