Skip to main content

O proxecto Ponlle Nome, aberto ao público na Igrexa da Universidade, amplíase ata o 5 de febreiro

O proxecto Ponlle Nome que se desenvolve na Igrexa da Universidade dende o 16 de decembro de 2008 promovido pola Vicerreitoría de Cultura da USC, amplíase ata o 5 de febreiro de 2009. Esta proposta, pensada a medio camiño entre o obradoiro de debates e a exposición de arte contemporánea, comeza unha nova andaina tras clausurar a súa primeira etapa. Os debates e as reflexións teóricas deixan paso, a partir deste venres 16, á mostra das historias contadas polos participantes no proxecto; preguntas e respostas ilustradas en diferentes formatos aos que se irán engadindo as achegas dos propios visitantes.
Ponlle Nome súmase así ao programa ‘Cultura de Lugares’, unha iniciativa xurdida para impulsar a implicación da sociedade nas políticas culturais. Calquera persoa, independentemente das súas habilidades artísticas, pode participar con debuxos, fotografías, vídeos ou anacos de historias que resuman unha actitude propia ou allea, individual ou dun grupo particular, que supoña ao seu parecer un pequeno contrasentido cotiá. Catalogar os usos alterados dos espazos públicos, dos costumes, dos utensilios máis correntes ou das tecnoloxías máis complexas, supón poñer en evidencia a natureza creativa dunha cidadanía que se expresa en liberdade precisamente cando fai algo que ninguén tiña previsto.
A Igrexa da Universidade permanecerá aberta ata o 5 de febreiro, en horario de visita de martes a sábados, de 11:00 a 14:00 horas, e para recepción de traballo coas achegas do público de martes a venres de 17:00 a 20.30 horas.

The contents of this page were updated on 01.16.2009.