Skip to main content

Entrega das dez bolsas a estudantes universitarios para o consumo de produtos frescos no Mercado de Abastos de Santiago

O vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social da USC, José M. Mayán Santos, o presidente e a xerente do Mercado de Abastos de Santiago, José Fernández Rodríguez e Marta Rey Boquete, entregarán este xoves 15 as dez bolsas concedidas a estudantes de primeiro e segundo ciclo para o consumo de produtos frescos nos establecementos do Mercado. O acto de entrega destas bolsas, dotadas con 120 euros mensuais ata o vindeiro mes de xuño, realizarase ás 12:30 horas na Xerencia do Mercado de Abastos.
Os beneficiarios poderán gastar, entre o 19 de xaneiro e o 30 de xuño de 2009, un total de 5 euros ao día de luns a sábado, non acumulables máis dunha semana. Deste xeito, os bolseiros terán á súa disposición os luns nas oficinas do Mercado seis bonos cun importe de cinco euros cada un que se poderán trocar en calquera dos establecementos da praza e que só serán válidos ata rematar dita semana.
Como en anteriores convocatorias, os estudantes seleccionados non podían ter gozado destas bolsas con anterioridade, debían posuír unha nota media de expediente académico superior a 2 puntos e ter o domicilio familiar fóra de Santiago.

The contents of this page were updated on 01.14.2009.