Remata a inscrición no curso de habilidades directivas e sociais da Aula de Práctica Empresarial da USC
Transformar a connotación do individuo competitivo no de individuo competente dende a etapa universitaria. Este é o obxectivo perseguido pola Aula de Práctica Empresarial da Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora da USC que entre marzo e abril desenvolverá un curso de habilidades directivas e sociais e un ciclo de experiencias empresariais. A iniciativa diríxese a estudantes de todas as titulacións, particularmente dos últimos anos de carreira, para o que deberán formalizar a súa inscrición antes do 18 de marzo.
No caso do curso de habilidades, entre o 23 e o 27 de marzo, prestarase atención a unha serie de temas estreitamente relacionados coas habilidades laborais dos profesionais. Así, trataranse cuestións como a motivación persoal, o emprendemento e a creación de empresas, a entrevista de traballo como expresión dunha imaxe particular, a dirección e traballo de equipos ou a presentación eficaz dunha idea.
No seu desenvolvemento presentaranse contidos teóricos e dinámicos que propicien proceso reflexivos e promovan o descubrimento e a aplicación das habilidades adquiridas. Fundamentalmente, utilizaranse exercicios persoais, a análise de casos de éxito e o traballo en grupo.
Xa no ciclo de experiencias empresariais, entre os días 27 e 30 de abril, cada unha das xornadas estará dedicada a afondar nas particularidades de distintos modelos empresariais comezando coas empresas de base tecnolóxica e continuando co sector téxtil e da moda, empresas tradicionais ata chegar ás empresas sociais.