Skip to main content

O libro 'Espazos e luz envoltos en pedra' detalla o proceso de rehabilitación do edificio histórico de Mazarelos

A obra presentouse este mércores nun acto público no propio centro, actual sede da Facultade de Filosofía

O arquitecto Julián Morenas dá conta no libro Espazos e luz envoltos en pedra das principais características do proceso de rehabilitación do edificio histórico de Mazarelos como Facultade de Filosofía da USC. O libro presentouse ao público este mércores 4 no Salón de Actos da propia Facultade nun acto presidido polo reitor da USC, Senén Barro, e no que tamén interviron ademais do autor, o vicerreitor de Cultura, Elias Torres, e o decano do centro Luís García Soto.
O volume, que conta cunha introdución de Senén Barro e cun prologo asinado polo ex reitor Darío Villanueva, reflicte nas súas páxinas a conferencia impartida polo actual ministro César Antonio Molina no acto inaugural do edificio, así como os detalles do proceso de rehabilitación e unha memoria fotográfica comentada. Completan o contido da obra aspectos relacionados cos enfoques e determinacións do proceso e unha aproximación histórica ao edificio orixinal.
Segundo explicou Senén Barro o retorno dos estudos de Filosofía ao edificio rehabilitado de Mazarelos completa un “eterno e grácil ciclo que sitúa a Facultade de Filosofía, aos seus estudos e a súa investigación no centro da urbe”. Este emprazamento “aínda que poida entenderse como unha agradable pero azarosa casualidade”, engade o reitor, permiten a estes estudos únicos no Sistema Universitario Galego “ocupar un espazo tamén nuclear na denominada sociedade do coñecemento”.
Segundo se recolle na obra presentada, o actual edificio da Facultade de Filosofía foi promovido polo arcebispo José del Yermo y Santibáñez para ‘Casa de recogimiento espiritual de eclesiásticos para lo ejercicios espirituales de San Ignacio’ en terreos do antigo convento de Santa María a Nova e proxectado e construído na súa etapa inicial entre 1734 e 1737. A casa chegou á actualidade, segundo apunta Julián Morenas, “coa súa identidade construtiva perdida ao ser demolida toda a súa traza orixinal”.
A rehabilitación executouse, segundo explica o autor do proxecto e do libro, atendendo a aspectos como a riqueza espacial e visual dos vestíbulos centrais ou á “significativa relación que a obra rehabilitada mantén coa historia construída dos usos precedentes que ocuparon o edificio”.

The contents of this page were updated on 03.04.2009.