Skip to main content

Máis de 1.200 alumnos de secundaria de toda Galicia coñecen a USC

Máis de 1.200 alumnos de catorce centros de ensino secundario de toda Galicia visitan esta semana os campus de Compostela e Lugo dentro dos Encontros na zona USC 2009. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa ‘A Ponte’ que pretende deste xeito dar a coñecer aos futuros estudantes a estrutura e os servizos da institución académica.
En Compostela percorrerán os campus Norte e Sur así como outros espazos que integran o patrimonio histórico da Universidade, o Museo de Historia Natural Luis Iglesias ou o Centro Superior de Hostalería de Galicia.
O percorrido a realizar na zona norte comeza nas facultades de Filoloxía e Ciencias da Comunicación, para logo dirixirse ás de Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias da Educación e Traballo Social, Enfermaría, Medicina e Odontoloxía, para rematar en Xeografía e Historia e Filosofía.
A visita a Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas é a primeira etapa do percorrido polo Campus Sur, que logo se dirixe a Química e Física, Bioloxía e Farmacia, Matemáticas e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Óptica e Optometría, rematando en Psicoloxía e Ciencias da Educación.
Campus de LugoNo campus lugués realizan as visitas medio cento de estudantes, que coñecerán de primeira man nunha ruta a Facultade de Enfermaría, a Biblioteca Intercentros e Veterinaria e o Hospital Clínico Rof Codina. Outro grupo centrarase na Escola Politécnica Superior e Un terceiro transcorrerá por Relacións Laborais, Administración e Dirección de Empresas e novamente a Biblioteca do Campus. Finalmente, o cuarto grupo achegarase a Humanidades e á Escola de Formación do Profesorado.
A PonteO programa ‘A Ponte’ pretende acercar a universidade e os seus servizos aos estudantes de ensino medio e á sociedade en xeral, transmitíndolles información e respondendo a dúbidas que van desde a propia matrícula ou número de prazas por titulacións ata as bolsas ou saídas laborais das diferentes carreiras.

The contents of this page were updated on 03.04.2009.