Skip to main content

Un estudo da APL conclúe que o sistema de alimentación para vacún leiteiro Kempen dá produtos lácteos máis brancos e insaturados

O informe sobre o estudo da produtividade e aptitudes tecnolóxicas do leite producido polo sistema Kempen, método de alimentación para o gando vacún destinado á produción de leite, revela que mediante este procedemento se obteñen produtos lácteos máis brancos e insaturados, especialmente na preparación de iogures e mesturas lácteas.
O estudo presentouno este luns 23 no transcurso da xornada ‘O futuro do leite: A diferenciación’ a investigadora da Aula de Produtos Lácteos da USC (APL) Paz Fernández, que estivo acompañada polos relatores Francisco Sineiro, da EPS, e o veterinario catalán Octavi Fargas que analizaron a situación do mercado do leite e os custes nunha explotación leiteira.
A investigación sobre o sistema Kempen levouse a cabo ante unha demanda urxente do sector lácteo de procurar alternativas para a revalorización da materia prima, tentando atopar produtos de calidade e diferenciados do resto da súa gama. Así, Paz Fernández explicou que o traballo, que se desenvolveu durante dous anos, centrouse en catro produtos, un queixo tipo Ibérico, un queixo tipo Burgos, manteca e nata UHT, a partir dos que se elaboraron diferentes fabricacións e se obtiveron “resultados interesantes” sobre todo en produtos graxos, “principalmente na nata”.
As vantaxes deste sistema constatadas ata o momento son unha diminución dos custes fixos de produción; a mellora da calidade de vida do gandeiro ao reducir o traballo de alimentación do gando; a mellora da calidade do leite; o incremento da produción e dos índices reprodutivos.
O sistema de alimentación para vacún leiteiro Kempen, feito pola APL e a empresa Piensos Nanfor S.A., realizouse no marco do programa de Recursos Agropecuarios da Consellaría de Innovación e Industria da man do equipo de nutrición de rumiantes de Nanta S.A. e testouse no Rumiant Research Center, da empresa Nutreco en Holanda, na procura dun sistema de manexo que facilitara a alimentación do gando.

The contents of this page were updated on 03.23.2009.