Skip to main content

Senén Barro anuncia unha reorganización do equipo de goberno universitario

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, anunciou esta mañá a reorganización parcial do equipo de goberno universitario, unha vez producido o abandono dos vicerreitores e vicerreitoras de Relacións Institucionais, de Profesorado e Organización Académica, de Cultura e de Infraestruturas e da adxunta de Infraestruturas e Servizos.
Agradecendo de antemán “moi intensa e sinceramente” o traballo que estes vicerreitores realizaron nestes anos e o seu compromiso co reitor e coa USC, Barro mostrou o seu “fondo pesar persoal e institucional” á vez que manifestaba respectar esa decisión.
“A miña responsabilidade como reitor -afirmou en comparecencia ante os medios de comunicación- é reorganizar un equipo de goberno” que será “parcialmente renovado”. Ademais, anunciou unha redistribución de responsabilidades buscando aproveitar “esta situación non desexada” para acometer “co máximo acerto os difíciles e transcendentes retos cos que nos enfrontamos como Universidade” e entre os que destacou o Plan de Financiamento, o Espazo Europeo de Educación Superior, a Área de Investigación Europea e as infraestruturas.
Dimisión en bloqueOs vicerreitores e vicerreitoras que hoxe martes presentaron a súa dimisión pertencen todos eles á plataforma Universidade Aberta (UA). O vicerreitor de relacións Institucionais anunciara a súa dimisión hai uns días aínda que a formalizou este luns.
A proposta de UA para substituír a Lourenzo Fernández non foi aceptada polo reitor –“non respondía de maneira axeitada aos retos presentes”, aduciu Barro-. Isto, sumado a “un contexto condicionado polas posicións feitas públicas pola Plataforma Universitaria Progresista” (que viu na decisión unha “ruptura unilateral” do acordo de goberno universitario) deu na dimisión dos membros do equipo, segundo un comunicado feito público este luns por UA.

The contents of this page were updated on 03.24.2009.