A EPS festexa o mércores o Día Forestal Mundial cunha conferencia e a entrega do Premio Bernardo de la Torre
A Escola Politécnica Superior de Lugo celebra este mércores 1 de abril o Día Forestal Mundial cun programa de actos organizado en colaboración co Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia, que se desenvolverá no Salón de Actos do centro.
Ás 12:00 horas, presentará o acto o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre, acompañado do director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno Lema, e do decano territorial de Galicia da Asociación e Colexio de Enxeñeiros de Montes, Guillermo Acebal Lucia.
A continuación, a conferencia ‘Formulación do futuro da profesión’ correrá a cargo de Gabriel Toval Hernández, xefe de Área Técnica no Servizo de Montes e Industrias Forestais de Pontevedra. Con anterioridade, Toval ocupou as direccións de Investigación e Tecnoloxía do Grupo Empresarial ENCE, S.A. e do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán en Pontevedra.
Ás 13:00 horas, farase entrega do Premio Bernardo de la Torre Rojas 2009 que, nesta segunda edición, recaeu en Laura Alberti González polo seu traballo de fin de carreira ‘Proxecto de construción da estrutura de madeira do Museo da Balea en Cangas do Morrazo, Pontevedra’.
Este premio foi convocado pola Asociación e Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia en colaboración coa Escola Politécnica Superior para distinguir aos proxectos destes enxeñeiros que destacan pola súa creatividade e aplicación á profesión. Finalizarán a xornada cun aperitivo na cafetería do centro.