Skip to main content

O presidente da ONG 'Mi Perú', José Carlos de Miguel Bouzas, recibe o V Premio Humanitas

José Carlos de Miguel recibe a felicitación do vicerreitor José M. Mayán Santos
José Carlos de Miguel recibe a felicitación do vicerreitor José M. Mayán Santos

O presidente da ONG ‘Mi Perú’, José Carlos de Miguel Bouzas, recibiu este martes 31 o V Premio Humanitas en recoñecemento ao labor educativo desenvolvido coas persoas máis desfavorecidas da aldea peruana homónima. O galardón convócano o Consello Social e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAAUSC) para destacar accións solidarias.
O gañador recibiu un premio en metálico de 3.000 euros, xunto cunha insignia de prata da AAAAUSC e un diploma acreditativo no transcurso dun acto que contou coa participación do presidente do Consello Social, Manuel Puga Pereira; o presidente da AAAAUSC, Perfecto Yebra; e o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Santos.
Tras a viaxe realizada no verán de 2001 ao poboado peruano Mi Perú (Ventanilla) e comprobar as precarias condicións dos rapaces e das mulleres na gardería-comedor Centro Nanette, José Carlos de Miguel decidiuse a fundar unha ONG que mellorase a calidade de vida desta xente. O Centro Nanette acollía acotío a máis de 50 rapaces con idade comprendidas entre os seis meses e os cinco anos, ademais doutros tantos de maior idade, atendidos por sete mulleres que se ocupaban de todas as tarefas. Traballaban ao redor de nove horas diarias cociñando, fregando as aulas, lavando a roupa ou coidando dos nenos. A cambio deste traballo recibían a súa comida diaria e a dos seus fillos.
Segundo puxo de manifesto de Miguel, a vida na localidade é tan precaria que os rapaces a miúdo deixan de estudar para traballar como axudantes en talleres, buscando papel no lixo ou releando nos mercados. Ante esta situación, o premiado quixo cambiar a vida dos cativos garantíndolles a escolarización, motivo principal que o levou a crear a ONG. Ademais, impulsou unhas bolsas de estudo cuxo único requisito era o de estar matriculado nunha escola da zona e asistir a diario ás clases. A dotación da bolsa entrégaselle á familia do cativo para dispoñer de comida, roupa, material escolar e atención sanitaria para o neno.
A ONG, logo da súa creación e aprobación por diferentes rexistros, comezou a funcionar a finais de 2003 en Mi Perú e Pachacutec, unha poboación veciña. Como proxectos de futuro, a ONG pretende chegar proximamente a India, onde se van desenvolver outros dous proxectos, o primeiro sobre sanidade dental e o segundo coa construción dunha gardería en Koneripatty.

The contents of this page were updated on 03.31.2009.