Skip to main content

'Falar ao dereito', nova proposta formativa para estimular e mellorar as habilidades comunicativas orais e argumentativas en lingua galega

Diríxese ao alumnado da Facultade de Dereito

O estímulo e mellora das habilidades comunicativas orais e argumentativas en lingua galega é a finalidade coa que a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito organiza para o alumnado deste centro o curso ‘Falar ao dereito’.
A modo de obradoiro cun eminente carácter práctico, as sesións celebraranse entre o 9 de marzo e o día 1 de abril tratando de ofrecerlle ao alumnado estratexias e ferramentas para aprender a superar o medo a falar en público, adquirir estratexias de expresión oral e xestual e mellorar a competencia dos alumnos na expresión oral en galego, ao tempo que identificar as particularidades da argumentación xurídica respecto da argumentación en xeral.
O curso ten unha carga lectiva de 30 horas, vinte presenciais e as restantes de traballo persoal, que se desenvolverán na Aula Seminario de Dereito Eclesiástico en horario de 18:00 a 19:30 horas. N o desenvolvemento deste obradoiro práctico analizaranse actuacións comunicativas propias; realizaranse audicións, visionados e gravacións sobre situacións comunicativas e actos de fala cotiáns e profesionais; ademais de abordarse o estudo teórico de nocións lóxicas e argumentativas básicas e dos criterios hermenéuticos xurídicos clásicos.
A docencia desta acción formativa recae na directora de Reverso Comunicación, Cultura e Lingua, Concha Diéguez, e no avogado Héctor López de Castro Ruíz. Polo que respecta á matrícula, esta xa se pode formalizar ata o próximo 6 de marzo cun custe de 30 euros. Actualmente, estase a tramitar o recoñecemento dun crédito de libre configuración para os alumnos que realicen o Obradoiro.

The contents of this page were updated on 02.25.2009.