Skip to main content

A Maratona Fotográfica, eixo do programa do Convenio Lugo Cultural en marzo

Este xoves 26 o Trío Vaamonde, Lamas & Romero presenta o seu novo álbum dentro do ciclo Lubicán

A XV Maratona Fotográfica da USC, unha das actividades máis consolidadas de Lugo Cultural, desenvolverase na cidade o 17 de marzo. O prazo para inscribirse na Vicerreitoría de Cultura do Campus de Lugo nesta competición abre este xoves 26, con data de remate o día 11 de marzo.
Como sempre, poderán participar tanto con cámara dixital como analóxica e establécense varios premios, entre eles o Carlos Valcárcel, para a mellor fotografía feita por universitarios ou participantes no espazo fotográfico do Campus. Este premio xurdiu o ano pasado como homenaxe a un dos mellores fotógrafos que ten a cidade e estará dotado con 236 euros.
Así mesmo, haberá premio de 120 euros para a mellor fotografía de cada tema, modalidade analóxica e dixital; outros 120 euros para a mellor fotografía de tema libre, dentro da modalidade analóxica; e 206 euros para a película de nivel medio máis alto, modalidade analóxica. Os requisitos para acadar este premio baséanse na exposición correcta das fotos, na variedade dentro dos temas propostos e na creatividade.
Concerto LubicánDurante a presentación da XV Maratona Fotográfica, o músico Suso Vaamonde achegou aos xornalistas o novo traballo ‘Vellas artes’ que o seu grupo, o Trío Vaamonde, Lamas & Romero, presentará este xoves 26 dentro do ciclo Lubicán, ás 21:00 horas na Escola Universitaria de Formación de Profesorado. O novo álbum deste grupo galego conta con once cancións de xénero folk, tradicionais e populares, nas que se combina a música, a retranca e o humor a partes iguais.
Trátase do segundo concerto deste ciclo en 2009, que manterá a súa cita cada cuarto xoves de mes para ofrecer ao público lugués a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e formacións. A seguinte cita será o 12 de marzo coa actuación de Ophiusa no Círculo das Artes.
O Convenio Lugo Cultural está integrado pola USC, o Concello de Lugo, a Consellaría de Cultura, a Deputación Provincial e a Fundación Caixa Galicia. A información sobre estas actividades pode consultarse no web www.lugocultural.com.

The contents of this page were updated on 02.25.2009.