Skip to main content

A exposición 'Alejandro Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país' pecha as súas portas este xoves

Logo de dous meses de exhibición, a mostra ‘Alejandro Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país’ pechará as súas portas no Colexio de Fonseca este xoves, día 19. Remata así, cando se celebra o 75 aniversario do seu pasamento, unha homenaxe ao que fora reitor da USC na década dos anos 30.
A exposición trata de recuperar a transcendental figura de Cadarso, cuxo legado atópase actualmente vixente e perfectamente integrado na vida universitaria do Campus Histórico, espazo comprendido entre a Alameda e o Estadio de Atletismo, un dos principais expoñentes do patrimonio contemporáneo de Santiago e Galicia. Esa zona recréase nunha maqueta encargada para a ocasión que amosa o aspecto que hoxe tería o Campus Sur de terse desenvolvido integramente conforme ao proxecto orixinal do ex reitor.
Ao longo das dúas salas abertas en Fonseca o visitante pode coñecer a faceta de Cadarso como brillante estudante e como docente na Cátedra de Anatomía da Facultade de Medicina da USC, onde levou a cabo unha importante actividade de formación e promoción tanto na aula como na investigación. Na súa faceta universitaria chegou a fundar un destacado Gabinete Anatómico e estableceu contactos coas importantes escolas anatómicas de Lisboa e Porto, ademais de ser académico correspondente da Sociedade Anatómica Francesa.
CadarsoAnatomista, docente activo, político, Rodríguez Cadarso iniciou a xestión da modernización da USC, posibilitando a mellora das infraestruturas e da docencia activa, a apertura da universidade á sociedade e o achegamento á comunidade científica internacional.
Entre os seus máis destacados proxectos atópase a construción dunha Residencia de Estudantes para a Universidade. De feito, a mostra dedica unha sala especial a esta importante intervención, mostrando por vez primeira material conservado no Arquivo Universitario dos planos e trazas dos edificios da residencia. En conxunto, Rodríguez Cadarso entendeu a acción universitaria con vocación de servizo, influenciado polo espírito do novo galeguismo dos anos 20 e 30 do século pasado.
A exposición poderá visitarse de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas e os domingos de 11:00 a 14:00 horas.

The contents of this page were updated on 02.17.2009.