Un equipo da USC elaborou para Traballo un estudo sobre o uso do tempo dos fogares de Galicia
Unha investigación elaborada por un equipo da USC dirixido pola profesora María Xosé Rodríguez Galdo para a Consellaría de Traballo recolle por primeira vez unha análise polo miúdo dos usos do tempo por parte dos homes e mulleres da Comunidade Autónoma.
O estudo ‘Familia, coidados e traballo non remunerado. O uso do tempo dos fogares de Galicia’ debulla nas súas preto de seiscentas páxinas os repartos que das horas do día fan os galegos e as galegas, segundo todo tipo de variables: en comparación coas outras autonomías de España, por provincias, en función dos tipos de fogar, do nivel de estudos, do estado civil, do lugar de residencia ou dos ingresos.
Os autores do texto comparan que porcentaxes da xornada se dedican ao traballo, aos estudos, o fogar e á familia, á vida social, aos deportes, afeccións e xogos, medios de comunicación ou desprazamentos. Tamén se analiza como os galegos e as galegas dedicamos o noso tempo ás distintas tarefas do fogar, dende as actividades culinarias ata o coidado dos animais.
Na presentación da investigación este martes o conselleiro Ricardo Varela afirmou que a análise e as conclusións do estudo permitirán que as políticas activas de emprego destinadas á consolidación das mulleres no ámbito laboral teñan en conta a envergadura que, ata o e agora, tivo a carga de traballo global desenvolvida polo colectivo feminino.