Skip to main content

Entregados os premios do IX Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC

Unha bebida para axudar aos fumadores a abandonar este hábito, unha base de datos desenvolvida nun portal web que recolla experimentos fallidos no ámbito da química, un novo sistema para aproveitar en laboratorio o auga en circuíto, unha proposta para mellorar a produción de bioplásticos e un sistema que transforme os residuos da biomasa en materiais absorbentes, son as cinco propostas premiadas no IX Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC.
O reitor da USC, Senén Barro, presidiu este luns 16 o acto de entrega dos premios nunha sesión celebrada en San Xerome onde tamén participaron o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato; o director xeral de Promoción do Emprego, Álvaro Ansias Bacelar; o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos; o director do Programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande; e o xerente de Unixest, Gustavo Marcos.
Con esta iniciativa, a USC premia as mellores ideas, orixinais e innovadoras, susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo. A iniciativa dirixíase a todos os membros da comunidade universitaria galega e a todas as áreas de coñecemento. Outorgaranse cinco premios de seiscentos euros valorándose a viabilidade da idea, o carácter innovador, o grao de madurez e a posible aplicación das políticas de igualdade.
Smoke Solution SRLA idea presentada a concurso por Clara Fernández Querejazu, da Facultade de Bioloxía da USC, introduciría no mercado un produto ata agora nunca usado por aquelas persoas que tentan deixar de fumar. Trátase dunha “solución definitiva” para abandonar o hábito tabáquico, segundo a súa promotora.
Con esta proposta lanzaríase ao mercado bebidas a base de te vermello, combinadas cun fármaco de última xeración para deixar de fumar, a vareniclina, xa que segundo a promotora “presentou os mellores resultados” para a súa aplicación neste ámbito. A decisión de incluír o te vermello atende as súas propiedades para reducir e previr o sobrepeso, gran preocupación das persoas que deciden deixar de fumar, explica Clara Fernández.
ChemfailChemfail sería unha base de datos desenvolvida nun portal de internet que recollería experimentos fallidos no ámbito da química. Na actualidade “este valioso coñecemento –apunta Iago Quintana Cheda da Facultade de Química da USC- desperdíciase actualmente por falta de difusión, pois non ten cabida nas publicacións científicas convencionais”.
Iago Quintana apunta que os resultados non esperados , e incluso aqueles nos que “a casualidade xoga un papel clave, son a base dunha gran cantidade de descubrimentos científicos”. O portal proposto evitaría a perda de valiosa información e “aforraría tempo e cartos a outros investigadores involucrados en proxectos relacionados”.
Auga en circuitoNo proceso para filtrar en laboratorio un composto a baleiro necesítase un grifo con auga aberta ao máximo para que baleiro sexa óptimo, “o que provoca a perda de moitos litros que van directamente ao sumidoiro”, sinala Alba Roibás Rozas, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago.
Para evitar esta perda, Alba Roibás propón situar varios grifos xuntos en cada laboratorio e conectalos entre si cunhas gomas extraíbles, “de tal xeito que puidese usarse a mesma auga para varios filtrados á vez”, destaca a premiada. Aparte de fabricar diferentes tipos de gomas segundo o tipo de tubería, esta hipotética empresa tamén fabricaría e instalaría grifos con este sistema de serie e instalaría dispositivos para incrementar a presión da auga nas segunda e terceiras billas.
BioplásticosCristian González González é outro dos premiados por un idea na que propón mellorar as cepas produtoras de polihidroxialcanoatos para obter un maior rendemento na produción de bioplásticos e incluso intentar “facer cepas recombinantes dalgunha bacteria ben coñecida como E.coli p.ex para obter un maior rendemento e prestacións”.
Un dos efectos inmediatos da posta en práctica desta idea sería “diminuír a contaminación que existe debido ás enormes cantidades de plástico que se utilizan na sociedade”. Ademais, dirixiríase a clientes de todas as áreas empresariais xa que o plástico “utilízase para innumerables tarefas”.
Sorbigal: absorbentes ecolóxicosSorbigal é unha iniciativa empresarial ligada ao sector do medio ambiente e centrada na valorización de residuos procedentes da biomasa mediante a súa transformación en materiais absorbentes, os bioadsorbentes, “comercialmente competitivos pola súa proxección ecolóxica, pola súa eficacia na eliminación de contaminantes e polo seu baixo custe”, explicou Manuel Esteban Sastre de Vicente, da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña e responsable da idea.

The contents of this page were updated on 02.16.2009.