Skip to main content

USC e Deputación definen a futura Escola de Enxeñaría Civil como elemento clave para a investigación de calidade no Campus de Lugo

De esquerda a dereita, Javier Bueno, Senén Barro, José Ramón Gómez Besteiro e Carlos Herrero, visitan os terreos onde se construirá a nova escola
De esquerda a dereita, Javier Bueno, Senén Barro, José Ramón Gómez Besteiro e Carlos Herrero, visitan os terreos onde se construirá a nova escola

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentaron este venres 13 o proxecto de construción do edificio da futura Escola de Enxeñaría Civil. Tanto a USC como a Deputación Provincial consideraron a construción do centro como un elemento clave no desenvolvemento deste sector, que demanda unha docencia e investigación de calidade.
Durante a presentación, na que tamén estiveron presentes o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno, as dúas entidades asinaron o protocolo de actuación para a realización do proxecto da Escola de Enxeñaría Civil e, conscientes da necesidade de desenvolvemento de infraestruturas en Lugo, estimaron oportuno xuntar os seus esforzos para contribuír así á execución dos fins e obxectivos de calidade do campus lugués.
O citado convenio de colaboración permitirá o financiamento da construción do edificio para albergar as titulacións de Enxeñaría Técnica de Obras Públicas e Enxeñaría Técnica en Topografía, que se imparten na USC desde o curso 2003-2004. “Esta é unha aposta importante e axudará a construír unhas instalacións adecuadas para estas titulacións, que fortalecen o perfil deste campus, un dos máis importantes e modernos de Galicia”, sinalou Senén Barro. O reitor agradeceu ao presidente da Deputación a prontitude coa que di que vai actuar, garantindo a adxudicación do proxecto e estimando o comezo das obras para finais deste ano, e o remate das mesmas ano e medio despois, a mediados do 2011.
Pola súa parte, o presidente da Deputación, Gómez Besteiro, mostrou a súa satisfacción por contribuír á construción dun edificio destas características, que –segundo dixo- “é un proxecto importante cualitativa e cuantitativamente, que servirá para a modernización da cidade”. Gómez Besteiro di que a Universidade e a Deputación van xuntas neste proxecto “e trataremos de axilizar o máximo posible todos os prazos, facendo os concursos por vía de urxencia”.
O edificio erguerase na zona non construída que está situada entre a EPS e a avenida de Madrid. Terá aproximadamente 4.000 metros cadrados de superficie útil e un custe estimado de catro millóns de euros. As instalacións albergarán os espazos de administración, dirección e servizos xerais; despachos para o profesorado, unha zona de docencia con seminarios e aulas de informática; e outra de laboratorios nas que se integra unha nave para a investigación, que xirará en torno aos 1.500 metros cadrados, onde se instalarán ademais infraestruturas específicas vinculadas ás titulacións de Enxeñaría Civil.

The contents of this page were updated on 02.13.2009.