Skip to main content

José Cendón, un 'fotoxornalista en conflito', visitou a USC

Cendón impartiu en Filosofía a charla 'Un fotógrafo por libre na cerna do conflicto'
Cendón impartiu en Filosofía a charla 'Un fotógrafo por libre na cerna do conflicto'

Descrido da profesión xornalística e “cabreado” coas “bondades” do chamado primeiro mundo presentouse na Facultade de Filosofía o fotoxornalista José Cendón ante un expectante público, na súa maioría estudantes, que agardaba coñecer de cerca ao compostelán que a finais do pasado ano sobreviviu a un secuestro de máis dun mes en Somalia, “sen dúbida o lugar máis perigoso do mundo”.
A proxección de fotografías propias de hospitais e campos de desprazados somalís, os recentes disturbios en Kenya e as Illas Comoros, a fame negra de Etiopía ou da premiada serie ‘Medo aos grandes lagos’ sobre centros psiquiátricos de Congo, Burundi e Ruanda déronlle pé ao freelance galego para ir debullando nunha animada charla as reviravoltas dunha profesión “mal pagada” e “pouco recoñecida”. “Primeiro chegan os premios e logo os contratos, case nunca á inversa”, manifestou en referencia a traballos que non atoparon comprador ata que non foron recoñecidos con algún galardón.
"De algo hai que vivir”“Nunca vai haber ningún medio de comunicación que che pida o que ti queres facer”, advertía. Por iso recomenda, “porque de algo hai que vivir”, traballar “por encargo” para algunha axencia pero á vez “perderse na busca dunha nova historia que te apaixone”. “Será ese traballo o que che dea forzas para continuar nunha profesión que, a pesar de todo, che comporta moitas satisfaccións”.
Partidario da “subxectividade” xornalística, confesou sentirse arroupado pola cámara, “o meu escudo”, á hora de fotografar calquera situación comprometida ou desagradable. “Probablemente non sería capaz de presenciar unha escena con sangue de non a ter polo medio”, explicou Cendón, que agarda volver en menos dun ano a Sudamérica, onde comezou a súa carreira profesional.
O secuestroSó na quenda de preguntas xurdiron algunhas cuestións relacionadas co secuestro. Foi aí cando subliñou a importancia de facerse sempre cun bo fixer, lugareño que sabe tratar debidamente coa poboación local e que “che facilitará o teu traballo”. A pesar de todo, advertiu, “nunca te podes fiar totalmente da persoa que consideras da túa confianza”. Remataba así Cendón a súa charla facendo alusión aos tradutores que contratara en Somalia e que todo apunta a que estiveron implicados no seu secuestro.

The contents of this page were updated on 02.18.2009.