Skip to main content

Investigadores da USC advirten da importancia dun diagnóstico precoz para conseguir a integración de nenos con trastornos da linguaxe

Afectan a máis dun 7% da poboación infantil e pódense descubrir cos primeiros balbuceos

Investigadores da Unidade de Atención Temperá (UAT) da Universidade de Santiago conseguiron, nos últimos anos, grandes avances nas habilidades sociais de menores con algún tipo de trastorno específico da linguaxe e agora, tras a súa experiencia, advirten da importancia que tería un diagnóstico máis precoz para mellorar a súa integración.
Trátase de trastornos que afectan a un 7,4% da poboación infantil, máis frecuentes en nenos que en nenas, e que adoitan confundirse con outro tipo de deficiencias sensoriais, motoras ou mentais, como trastornos do espectro autista ou xeneralizados do desenvolvemento, posto que a sintomatoloxía pode englobarse, a idades temperás, a estas patoloxías.
Para evitar isto, desde a UAT inciden agora na importancia dun diagnóstico precoz –anterior aos dous anos de idade- que melloraría a integración social destes menores. Por iso, é fundamental que os pais estean atentos ao desenvolvemento inicial da linguaxe dos seus fillos, ao balbuceo, ao modo en que interreaccionan e dirixen atención aos demais ou incluso á idade á que comezan a dicir as súas primeiras palabras, que non debería ser despois dos 18 meses de idade.
Usan poucas ou ningunha palabraOs menores afectados con algún tipo de trastorno específico da linguaxe son nenos cunha intelixencia normal pero que teñen un retraso importante no desenvolvemento de moitos aspectos da comunicación, que adoita ser a alarma de que existe un problema. En termos xerais, usan poucas ou ningunha palabra, non comprenden as frases, non saben xogar con outros nenos, presentan articulación afectada, teñen dificultades na construción sintáctica ou incluso seudotartamudez por dificultade de evocación. Co tempo teñen tamén dificultades na comprensión e na elaboración de frases, tanto a nivel fonolóxico, sintáctico, como morfolóxico.
Por axudalos, o equipo da Unidade -formado por psicólogos clínicos e evolutivos, logopedas, psicopedagogos, especialistas en terapia familiar, e un paidopsiquiatra- poñen en práctica eficaces programas de intervención centrados en mellorar as súas destrezas.
Utilizan para iso terapias interdisciplinares adaptadas a cada idade. Así, en nenos pequenos que non desenvolveron a linguaxe, os traballos logopédicos están centrados nun entorno comunicativo baseados no xogo. Esta terapia se complementa coa psicolóxica ou psicopedagóxica para traballar todos os aspectos do desenvolvemento coa fin de que o crecemento do neno sexa homoxéneo.

The contents of this page were updated on 02.05.2009.