O verán chega este domingo
O verán no hemisferio norte dará comezo este domingo ás 7:46 horas e prolongarase ata as 23:19 horas do 22 de setembro. Son polo tanto 93,65 días, o que fai que a estación estival sexa a máis longa do ano.
O comezo das estacións vén definido polo paso do sol por catro puntos concretos da Eclíptica, os equinoccios (en marzo e setembro) e os solsticios (en xuño e decembro), segundo informa o director do Observatorio Astronómico ‘Ramón María Aller’ da USC, José Ángel Docobo.
No albor do domingo o Sol pasará polo Punto Cancro ao Solsticio de Xuño, acadando nese intre a súa máxima declinación (elevación con respecto ao Ecuador). Como consecuencia diso, a duración do día será a máxima do ano (15 horas aprox.) e a mediodía o sol terá a máxima altura posible con respecto ao horizonte. Xa o 4 de xullo a Terra pasará polo Afelio, punto da súa órbita máis lonxe do Sol.
FenómenosO vindeiro verán será “pobre en eclipses”, cunha penunbral de Lúa na noite do 5 ao 6 de agosto “pero cunha magnitude tan cativa que vai pasar inadvertido para o público”, aclara Docobo. En canto ás choivas de estrelas produciranse as delta Acuáridas o 30 de xullo e as xa famosas Perseidas o 12 e 13 de agosto.
Pero ademais este Ano Internacional da Astronomía “vainos obsequiar cun fenómeno curioso que acontece cada 15 anos”, o paso da Terra o 4 de setembro polo plano dos aneis de Saturno, “de xeito que a imaxe telescópica desde o planeta será inusual e fará que se vexa simplemente un disco sen aneis”. Non obstante ese dia Saturno estará “aparentemente moi preto do Sol” e non se poderá observar. Iso si, xa a partir de agora e ata entón “poderemos ver como os aneis iran desaparecendo aos poucos”, aclara o profesor Docobo.
En canto á visibilidade dos outros planetas, en xullo Venus, Marte e Xúpiter poderán ser observados no albor, en tanto que Saturno a primeiras horas da noite no oeste. En agosto Xúpiter será visible toda a noite, Venus e Marte no albor e Mercurio e Saturno no solpor.
Xa a mediados de setembro coincidirá a Lúa Nova coa máxima aproximación Terra- Lúa, preto do equinoccio, polo que se agardan boas mareas vivas, informan desde o Observatorio.