Skip to main content

Un libro da Fundación Dieta Atlántica resalta os beneficios do peixe e as algas no neurodesenvolvemento e a función cerebral en todo o ciclo vital

A inxesta de peixe posúe importantes beneficios no neurodesenvolvemento e función cerebral desde a etapa embrionaria ata a vellez. Esta é a principal tese do estudo dos profesores da USC Rafael Tojo e Rosaura Leis que acaba de editar a Fundación Dieta Atlántica e cuxas conclusións van na liña das recomendacións dos organismos nacionais e internacionais da saúde e as sociedades científicas médicas, unánimes á hora de estimular un maior consumo de peixe, en especial azul, polo seu alto contido en ácidos graxos Omega-3 de cadea moi longa, o EPA e o DHA.
Eses ácidos, imprescindibles para o cerebro, son beneficiosos na prevención e como complemento terapéutico en patoloxías neurolóxicas e psiquiátricas, enfermidades cardiovasculares, cancro, enfermidades de base inmune e inflamatoria, alteracións do metabolismo dos lípidos e a insulina e a osteoporose, entre outras. E aínda que o consumo dos produtos do mar é importante durante todo o ciclo vital, o profesor Tojo fixo unha especial recomendación para as mulleres durante o embarazo e a lactación.
Diversos informes falan dun maior consumo de peixe e algas –e lácteos- nas rexións do Arco Atlántico que nas do Mediterráneo. De feito, explicou Tojo, a FAO e a OMS están advertindo dun abandono da dieta mediterránea nesa área, que está sendo substituída pola dieta occidental, herdada dos Estados Unidos, rica en calorías e baixa en nutrintes. Por iso, recalcou, a conservación dos produtos tradicionais da dieta atlántica “debe ser hoxe o noso obxectivo prioritario”.
A Dieta AtlánticaA Dieta Atlántica caracterízase fundamentalmente pola abundancia de alimentos de tempada, locais, frescos e minimamente procesados así como polo consumo de alimentos procedentes de vexetais, verduras e hortalizas, froitas, cereais, pan e gran, patacas, castañas, noces e leguminosas. Do mesmo xeito, propón o consumo habitual de peixes, mariscos, moluscos, crustáceos e algas do mar e dos ríos, frescos, conxelados ou en conserva. A isto débeselle unir o consumo de lácteos e de carnes magras de tenreira, porco e caza.
Na elaboración destes alimentos a Dieta Atlántica recomenda o uso de aceite de oliva para aderezado e cociñado e unha preparación culinaria preferente da cocción, ao ferro, forno e guisado.
As características máis saudables e nutricionais da dieta atlántica tradicional en Galicia son a abundancia de hidratos de carbono complexos e fibra, de vitaminas e minerais e compoñentes funcionais ou bioactivos, de ácidos graxos poliinsaturados omega-3, monoinsaturados (oleico) e ácido linoleico conxugado (CLA).Tamén destaca a variedade de proteínas animais e vexetais cun bo perfil de aminoácidos. En definitiva, é un modelo tradicional, de unha dieta saudable, como evidencia o feito de que Galicia sexa unha das primeiras Comunidades Autónomas españolas con maior lonxevidade. O medio natural e o estilo de vida favorecen tamén esta realidade.
A Fundación Dieta AtlánticaA Fundación Dieta atlántica é un organismo creado pola USC (onde 39 grupos desenvolven investigacións no ámbito alimentario) co obxecto de fomentar o estudo, a investigación e a difusión da dieta atlántica para a saúde e o benestar da poboación. Foi declarada Fundación de interese sanitario na orde do 11 de xullo de 2007 e tamén de interese galego na orde do 20 de setembro de 2007. Na actualidade está presidida polo reitor da USC e xunto á Universidade compostelá participan nela as consellarías de Educación e Ordenación Universitaria, Mar, Economía e Industria e Medio Rural.

The contents of this page were updated on 06.19.2009.