Skip to main content

Bota a andar na USC o congreso de maior proxección europea no eido das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións nas universidades

Ao Congreso asisten 250 especialistas de vinte e oito países
Ao Congreso asisten 250 especialistas de vinte e oito países
Trátase da primeira vez que o encontro se celebra en España

O congreso de maior proxección europea no eido das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) nas institucións de ensino superior chega por vez primeira a España organizado pola Universidade de Santiago. Ata o próximo venres 26 a Facultade de Medicina acolle o congreso anual da asociación European University Information Systems (EUNIS) que congrega en Compostela a máis de 250 especialistas, na súa meirande parte responsables de tecnoloxías da información das universidades europeas, que representan a un total de vinte e oito países, vinte e catro deles europeos ademais de Estados Unidos, Perú, Australia e Israel.
A inauguración oficial deste encontro internacional presidiuna o reitor da USC, Senén Barro, que estivo acompañado polo presidente de Eunis, Jean-Francois Desnos, e pola secretaria do Consejo de Universidades, Carmen Fenoll. Nesta sesión os participantes quixeron remarcar a idea de que o progreso e a evolución da universidade corre de xeito parello á propia transformación que experimenten as Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.
Deseguido, Franco Accordino, representante da Dirección Xeral de Sociedade da Información e Media da Comisión Europea, deu conta na primeira conferencia plenaria das principais ferramentas que a Comisión está a desenvolver para potenciar as ‘e-infraestruturas’ como elemento sobre o que asentar o espazo europeo do coñecemento. Accordino referiuse deste xeito aos programas de axudas que se están a implementar e que previsiblemente se porán en marcha no futuro en relación coa investigación e a dotación infraestrutural en materia de TIC.
Ao longo de tres días, a Universidade de Santiago convértese deste xeito en punto de intercambio e difusión dos proxectos e experiencias máis salientables na aplicación das TIC no eido universitario europeo, particularmente no relativo á xestión e á docencia. Tamén se presentarán proxectos que a partir da investigación e o desenvolvemento aplicado están chamados a converterse en novos modelos de aplicación nas universidades.
Logo da sesión inaugural, deu á comezo o programa científico que se vai materializar en nove conferencias plenarias, vinte e dúas sesións paralelas de exposición de 82 proxectos, unha sesión de pósteres, un seminario previo e dous titoriais. No caso das sesións plenarias, o congreso contará con relatores de índole internacional e nacional, entre os que se atopan o vicepresidente de Educause e fundador de Ecar en Estados Unidos, o representante da Dirección Xeral de Sociedade da Información e Media da Comisión Europea, o director do Centro de Supercomputación de Edimburgo, ou Louis Pouzin, un dos pioneiros dos protocolos de Internet. Xunto eles, tamén figuran Andreu Vea, pioneiro de Internet e impulsor do proxecto ‘Who is who in the Internet’ ou Miguel Álvarez, representante do proxecto europeo Stork, que persegue a estandarización dun sistema que posibilite a validación das credenciais dos usuarios a nivel europeo.
Entre os proxectos que se poderán coñecer estes días en Santiago, destacan os relativos á utilización dos conceptos de redes sociais 2.0 na Universidade, ferramentas de gravación de contidos multimedia de apoio á docencia, aplicacións semánticas de busca na web, arquitecturas de novos sistemas integrados de información, xogos virtuais de negocio e outros aplicados á docencia, gravación desatendida de clase, casos de estudo de e-administración, sistemas nacionais de matrícula, xestión de identidade, sistemas de documentación en investigación ou servizos de identidade de usuarios, entre outros asuntos.
Ademais das sesións propiamente científicas, o encontro acollerá tamén a celebración das xuntanzas de traballo dos órganos de dirección de Eunis, a asemblea xeral de todos os socios, o council e a xuntanza do consello de dirección, na que se elixirá a un novo presidente de Eunis e dun novo secretario executivo.
RecepciónO reitor da USC recibirá este xoves 25 ás 13:30 horas no seu despacho de San Xerome á reitora da Universidade de Varsovia, Katarzyna Chalasinsa-Mucukow, institución que acollerá este mesmo congreso o vindeiro ano 2010. Á recepción tamén acudirá o reitor da Universidade de Praga, Vacla Havli.
Ademais, o reitor compostelán manterá diversos encontros de traballo con relatores do congreso co gallo de analizar a viabilidade de posibles proxectos comúns. Entre elas atópase unha visita ao Campus de Stanford para profundar no desenvolvemento de colaboracións no ámbito do emprendemento e coñecer os seus mecanismos de implantación e colaboración empresa-universidade.
PremiosDe xeito adicional ás sesións científicas e de traballo, o congreso contempla dous premios, para os mellores proxectos de Tecnoloxías da Información (TI) europeo e de e-Learning, que se farán públicos na sesión de clausura do venres 26.
Tamén está previsto un concurso fotográfico que contempla dúas categorías, o premio Compostallea e o Gallaecia, para premiar respectivamente as versións máis orixinais e artísticas segundo o punto de vista dos congresistas sobre a cidade compostelá e sobre o desenvolvemento desta edición do Congreso.
Eunis

A European University Information Systems (EUNIS) é unha asociación creada en 1993 cuxa actividade principal é a súa conferencia anual, a cita mais importante, no contorno europeo e mundial, de reflexión sobre os asuntos vinculados ao desenvolvemento e utilización das TIC nas universidades. Na actualidade conforman a asociación 135 institucións oficiais pertencentes a 29 países europeos e Estados Unidos e Israel.
A finalidade básica deste colectivo é fomentar o intercambio, a cooperación e o debate entre os responsables dos sistemas de información europeos de institucións de educación superior e de investigación, así como establecer relacións no ámbito dos sistemas de información en cada país e no contexto europeo.
Para alcanzar os seus obxectivos, Eunis desenvolve diversas actividades entre as que se atopan, congresos, workshops e eventos con partners; boletíns informativos; informes e publicacións; grupos de traballo; premios ás mellores prácticas; listas de distribución; e acordos e proxectos conxuntos.

The contents of this page were updated on 06.24.2009.