Skip to main content

Activa participación da USC no Forum Orienta'09 que comeza este mércores na Coruña

Son moitas e diversas as actividades que a USC ten previsto desenvolver ao longo desta semana na mostra da educación superior de Galicia Orienta’09 que se desenvolve dende este mércores e ata o día 14 nas instalacións de Expocoruña da cidade herculina. A inauguración oficial será ás 11:30 horas e a ela asiste o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández.
Desde experimentos químicos a charlas sobre robótica, astronomía ou meteoroloxía, pasando por obradoiros para ver in situ aplicacións de intelixencia artificial nun robot ou a fabricación de ferramentas paleolíticas. Todo organizado pola USC para mostrarlle ao visitante as múltiples posibilidades dunha institución que conta con máis de cincocentos anos de historia.
Ademais, consciente de que na Universidade xoga un papel importante o cultural e deportivo, e sendo esa unha decidida aposta da USC, a institución compostelá organiza tamén exhibicións e obradoiros de actividades que os estudantes poderán practicar nas súas instalacións como xadrez, malabares matemáticos, capoeira, danza do ventre e teatro. Por último, os que se acheguen a Orienta’09 poderán coñecer de primeira man como é a vida na USC en diversas charlas dirixidas tanto aos futuros estudantes como ás asociacións de pais e nais.
Xa como actividades permanentes, a USC organiza dous concursos, un de trivial lingüístico e outro de resolución de problemas matemáticos. Expón ademais unha mostra da colección do Museo de Historia Natural ‘Luis Iglesias’ e outra sobre o mundo agroforestal.
Demostracións de actividades dos distintos centros e titulacións, de aplicacións 3D interactivas, dun monopatín virtual, de Software HYSIS, de reactores químicos e do Sistema de Xestión do Banco de Terras de Galicia completan o panel de actividades da Universidade de Santiago neste forum.

The contents of this page were updated on 02.10.2009.