O profesor italiano Gabriele Ranzato fala na USC da guerra civil
No marco do proxecto de investigación ‘As vítimas, os nomes, as voces e os lugares’, o catedrático de Historia Contemporánea da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Pisa, Gabriele Ranzato, impartirá este mércores 11 a conferencia ‘A guerra civil de 1936 entre presente e pasado’. O acto, conducido polo investigador principal do proxecto, Lourenzo Fernández, terá lugar na aula 5 da Facultade de Xeografía e Historia ás 19.00 horas.
O hispanista italiano Gabriele Ranzato está considerado un dos máximos coñecedores da historia española do século XX e concretamente da historia da II República e da Guerra Civil, xunto á Italia do período da Segunda Guerra Mundial. Os seus principias temas de estudo son o clientelismo, a modernización do comportamento electoral e a historia da violencia e das guerras civís.
Autor de numerosas publicacións, destacan El pasado de bronce. La herencia de la guerra civil en la España democrática, no que aborda o tratamento da memoria do franquismo no contexto democrático, e a síntese sobre a guerra de España El eclipse de la democracia. La guerra civil española y sus orígenes, 1931-1939, pola que gañou o premio á mellor obra de 2004 concedido pola Società Italiana per lo Studio della Storia Contemporanea.