Skip to main content

A Rede Temática de Análise de Ciclo de Vida celebra a súa sétima reunión na USC

Participan expertos de toda España nesta metodoloxía de xestión ambiental

A Rede Temática de Análise de Ciclo de Vida (ACV), creada en 2002 baixo o auspicio do Ministerio de Educación e Ciencia, celebra a súa sétima reunión este luns no Departamento de Enxeñaría Química da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.
A ACV é unha metodoloxía de xestión medioambiental que se pode empregar para avaliar as cargas de tipo ambiental asociadas a un produto, proceso ou actividade tendo en conta o seu ciclo completo, “desde o berce ate a tumba”, explica o coordinador da rede, o profesor da USC Gumersindo Feijoo. Polo tanto, para unha determinada actividade non só queda circunscrito o problema á “miña” instalación, senón que tamén cómpre definir cal é a parte alícuota da contaminación de todas as actividades previas e posteriores que o “meu” produto, proceso ou servizo determina.
A rede ACVA Rede constituíuse co obxectivo de facilitar a posta en contacto e intercambio de opinión de investigacións nun marco de colaboración entre organismos, institucións e empresas interesadas no coñecemento e aplicación desta técnica de xestión medioambiental.
Entre os membros da rede destacan a Asociación de Investigación e Desenvolvemento na Industria do Moble e Afíns (AIDIMA); AZTI-Tecnlaia; Bayer; Cetaqua; Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico LEIA; Centro de Investigacións Enerxéticas, Medioambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT); Centro Tecnolóxico da Auga;, Centro Tecnolóxico Cartif; Centro Tecnolóxico de Miranda de Ebro; Gaiker; Gestagua; Grupo Agbar; Instituto de Investigación Alimentaria (IRTA); Instituto Tecnológico del Embalaje, Tranporte y Logística (ITENE); Instituto Tecnológico del Juguete (AIJU); Tekniker; e as Universidades de Almería, Autónoma de Barcelona, Cantabria, Girona, Jaume I, Oviedo, Politécnica de Cataluña, Politécnica de Valencia, Rey Juan Carlos, Rovira i Virgili, Santiago de Compostela, Valladolid e Zaragoza.
Programa da xuntanzaOs expertos participantes comezaron a xornada cunha benvida do director da ETSE, Juan Lema, e do profesor Gumersindo Feijoo, quen lles falou dos retos na Análise de Ciclo de Vida. A pegada de carbono e ACV en produtos e servizos, os danos á saúde humana de emisións de SO2, a produción de asfalto, a sustentabilidade ambiental de materiais secundarios da fabricación de ferroaleacións, o papel do ACV como ferramenta básica nas avaliacións de sustentabilidade de envases e embalaxes ou as implicacións ambientais na reutilización da auga son algunhas cuestións a tratar na xuntanza.

The contents of this page were updated on 06.05.2009.