Skip to main content

A USC recoñece os proxectos empresariais máis innovadores

Un dos promotores de AMSlab recolle o primeiro premio do Concurso
Un dos promotores de AMSlab recolle o primeiro premio do Concurso
O IX Concurso de Proxectos da USC repartiu 22.000 euros en premios e un préstamo participativo doutros 24.000

AMSlab, laboratorio de análises químicos para o desenvolvemento de servizos que requiran alta tecnoloxía e alto nivel científico, fíxose co primeiro premio do IX Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC. O laboratorio, que tamén presta servizos de consultaría e asesoría técnica para proxectos de I+D, baséase na técnica HPLC-MSMS (cromatografía líquida de alta eficacia acoplada a espectometría de masas-masas). Este proxecto recibiu 9.000 euros e outros 24.000 de financiamento mediante préstamo participativo.
A empresa achegará solucións a distintos sectores como o farmaceútico (solucións integrais nos puntos de desenvolvemento dos fármacos); industria alimentaria (solucións cara aos residuos de medicamentos e contaminantes); o medioambiente (facilitando a detección, identificación e confirmación de contaminantes; e saúde (aplicando a tecnoloxía HPLC-MSMS de alta gama ofrecerá solucións a hospitais).
AMSlab recibiu o seu galardón nun acto celebrado este martes no Colexio de San Xerome e no que os outros premiados foron Nanoimmunotech, co segundo premio de base tecnolóxica; Minichic, premio Empresa Xove; Peloides Termales, na modalidade de Muller Emprendedora; Enerxía e Cooperación, premio Proxecto Medioambiental; e Holística, Consultora para a Lusofonía, na categoría de Proxecto con Sensibilidade Social.
A entrega de premios contou coa asistencia do reitor da USC, Senén Barro, que estivo acompañado do vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, Xosé M. Mayán Santos; o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida Trastoy; o subdirector xeral de Xestión do PGIDIT, Benito Fernández Rodríguez; e o xerente de Uninova, Gustavo Marcos.
NanoimmunotechO segundo premio, cunha contía de 5.000 euros, recaeu na empresa NIT Nanoimmunotech coa súa orixe na Universidade de Vigo. A idea de negocio é prestar servizos de funcionalización, caracterización e validación de nanopartículas previamente ao seu uso e aplicación en organismos vivos. O equipo promotor xa está traballando nestas tarefas, desenvolvendo durante 2008 un total de 33 nanopartículas para empresas e institutos de investigación.
Ademais de que neste eido existe un baixo número de competidores no ámbito español, o grao de innovación da proposta está demostrada tamén pola posesión de varias patentes sobre boa parte dos procesos e análises que levan a cabo.
MinichicGalardoado co Premio á Empresa Xove, cunha dotación de 2.000 euros, Minichic é un proxecto dedicado á creación e deseño de espazos infantís. As súas áreas de traballo abranguen a creación, remodelación ou adecuación de ambientes de uso infantil; a creación de mobiliario e obxectos relacionados cos espazos para os máis pequenos; e a posta en marcha dunha galería en liña de arte contemporánea para nenos.
Peloides TermalesSpin off do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo, Peloides Termales é unha consultora enfocada ao sector termal en temas de produción, emprego e desenvolvemento de peloides (lodos termais) con propiedades á medida, tanto para aplicacións terapéuticas como cosméticas. Estes lodos teñen accións analxésica e antiinflamatoria polo que son obxecto dun crecente interese científico. A iniciativa foi merecedora do premio á Muller Emprendedora, dotado con 2.000 euros.
Enerxía e CooperaciónO premio Proxecto Medioambiental foi para Enerxía e Cooperación, consultora dedicada á xestión integral de proxectos de cooperación co terceiro mundo, centrándose particularmente no ámbito das enerxías renovables.
A consultora ofrecerá servizos de xestión de proxectos ‘chave en man’, xa que ademais de propoñer ás administracións públicas proxectos de cooperación, os promotores xestionan e teñen os coñecementos técnicos para elaborar o estudo, deseño de instalación, adquisición e envío de material, implementación e posta e punto de instalacións solares (fotovoltáicas e térmicas), eólicas, de biomasa e secundarias para cubrir outras necesidades. O premio está dotado con 2.000 euros.
HolísticaPechando o conxunto de galardóns outorgados, na modalidade de Proxecto con Sensibilidade Social os seus 2.000 euros recaeron en Holística, Consultora para a Lusofonía. Spin off da área de Humanidades, Holística dedicarase ao planeamento cultural e turístico relacionado co mundo lusófono. O concepto de negocio supón que o ámbito xeográfico de actuación estenderase dende España ata Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde, Guinea Bissau, Mozambique, Sao Tome e Príncipe.
Concurso de proxectosConvocado pola USC a través do seu programa de fomento da cultura emprendedora Uniemprende, á fase de Proxectos desta novena edición –logo da de ideas- chegaron un total de 45 iniciativas, sendo a maioría de Facultades de Economía e Empresariais, seguidas de Bioloxía, Filoloxía e Química.

The contents of this page were updated on 06.09.2009.