Skip to main content

Roger Kornberg: "O límite para controlar as enfermidades non é científico, senón político"

Roger David Kornberg durante a Xuntanza cos investigadores no Centro de Estudos Avanzados
Roger David Kornberg durante a Xuntanza cos investigadores no Centro de Estudos Avanzados
O Nobel de Química 2006 reuniuse este venres con investigadores da USC e o luns pronuncia unha conferencia en Santiago

“O límite para controlar as enfermidades non é científico, senón político”. Con esta sentencia presentouse esta mañá ante os medios de comunicación o Premio Nobel de Química en 2006, o estadounidense Roger Kornberg, que estes días se atopa en Compostela para participar no Programa ConCiencia de divulgación científica organizado pola USC e o Consorcio de Santiago.
Inquirida a súa opinión sobre os últimos informes da OMS que apuntan a unha inminente pandemia de gripe A, o Nobel mostrouse pouco alarmista. “A situación de hoxe non é a mesma que na pandemia de gripe española de comezos dos XX”, afirmou. De todos xeitos, aclarou, a porta para combater as pandemias ou as enfermidades, “calquera que sexa, non se atopa tanto no coñecemento científico como nas decisións políticas e os orzamentos que os Gobernos dedican a ciencia”. Necesitaríase unha cantidade “moi pequena” de financiamento para mellorar os medicamentos para, por exemplo, o cancro ou a SIDA”, afirmou.
Aínda que ocupa a Cátedra de Medicina na Universidade de Stanford, Kornberg é graduado en Química, “ciencia fundamental para resolver os problemas biolóxicos e médicos”. Precisamente este luns 15 falará da ciencia básica como esperanza de progreso nunha conferencia aberta a todo o público ás 20:00 horas no Teatro Principal. Profundará nesa charla sobre a transcendencia dos achados da química para propiciar descubrimentos que supoñen verdadeiros fitos na historia médica. Sería o caso da investigación con células nai, do que se mostrou partidario pero non quixo pronunciarse sobre as voces contrarias a ela. “Os científicos traballan e a sociedade decide”, asegurou.
A inversión de Estados Unidos en investigación médica supón máis da metade do esforzo mundial, pero a pesar diso o investido é moito menos do que, por exemplo, se achegou para salvar General Motors. Iso si, Kornberg loou as medidas anunciadas polo Goberno de Obama que se comprometeu a destinar para investigación o 3 ou 4 por cento do PIB. “Unha porcentaxe suficiente”, dixo, “tendo en conta que na actualidade os grupos de investigación existentes non serían capaces de xestionar máis fondos que os prometidos”.
Transcrición xenéticaKornberg (EE.UU., 1947) acadou o Nobel polos seus traballos sobre un dos elementos clave da vida como é a transcrición dos xenes, concretamente sobre as bases moleculares do grupo de organismos denominados eucarióticos. Foi el, segundo a Academia sueca, “o primeiro” en explicar “a historia familiar sobre a vida”.
As células utilizan a información xenética almacenada no ADN a modo de instrucións para a fabricación de proteínas que son, en última instancia, a base estrutural dos organismos e as encargadas do seu funcionamento. Ese proceso de transformación da secuencia xenética nunha proteína é o que se coñece como ‘transcrición’.
O profesor Kornberg utilizou unha técnica chamada ‘difracción de raios X’ para estudar os diferentes complexos moleculares implicados no proceso da transcrición xenética. A súa descrición é tan precisa que permite distinguir cada átomo nas moléculas e foi iso o que permitiu por primeira vez entender en detalle como ten lugar ese proceso fundamental en todos os organismos vivos.
Fillo de NobelCuriosamente, Roger David é fillo de Arthur Kornberg, Nobel de Medicina en 1959 –xunto co español Severo Ochoa- por un estudo sobre a maneira na que a información xenética era transferida dunha molécula de ADN a outra. 47 anos despois, o seu fillo recibiu o mesmo galardón en Química por describir como esa información é copiada fóra do núcleo celular para empregarse na produción de proteínas.

The contents of this page were updated on 10.26.2021.