Skip to main content

O fiadeiro de localización de software libre xa ten gañadores

A ETSE organizou un open de galeguización de aplicacións informáticas de software libre

A contorno de desenvolvemento e programación NetBeans foi o obxectivo principal da tarefa de localización ao galego do primeiro ‘ETSE Open de SL’, unha iniciativa da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Logo dos procesos de revisión e avaliación do traballo no fiadeiro, as gañadoras do premio ‘Máis e mellor’ foron Alejandra Mosquera Gómez, de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas, e Rocío Alonso Ramudo, de Historia da Arte, que recibiron un diploma acreditativo e 200 euros.
Netbeans conta cunhas 67.000 cadeas, das cales aproximadamente 38.000 son únicas e das que agora quedan só tres cuartas partes para converter ao galego, que permiten desenvolver e programar outras aplicacións, sendo unha das máis utilizadas en software libre para este fin. A versión localizada, que será a primeira deste tipo traducida ao galego, terá efecto multiplicador xa que as aplicacións que se programen co NetBeans en galego nacerán tamén neste idioma por defecto.
NetBeans en galegoOs participantes na xornada de localización eran moi diversos en canto aos seus perfís e formación en galego, inglés e informática. Porén, tras as sesións formativas que lles impartiu persoal da OSL e de Mancomún, que colaborou desinteresadamente, nas cales coñeceron as ferramentas que ían utilizar, as memorias de tradución, os glosarios, etc., compartiron unha tarefa común.
O traballo destes 17 grupos ten un froito visible como é que a interface e os menús principiais do NetBeans están xa en galego, e aínda que resta moito por facer, hai xa nove persoas dos participantes que van seguir colaborando na localización.
A experiencia de remisión ao grupo de desenvolvemento oficial de NetBeans foi moi satisfactoria, interesándose polo estado da tradución todos os días, e incluíndoa no repositorio no xusto momento de envío. En próximos días Sun Microsystems lanzará a versión final do IDE NetBeans e xa incluirá todas as traducións ao galego, entre as que están o IDE completo, o módulo de desenvolvemento de Ruby, instalador e a meirande parte dos módulos de programación en C/C++, Java, e Servizos Web.

The contents of this page were updated on 06.15.2009.