Skip to main content

O Campus de Verán de Vilagarcía de Arousa ofrece un total de catro cursos

A vicerreitora de Cultura (segunda pola esquerda) presentou os cursos en Vilagarcía
A vicerreitora de Cultura (segunda pola esquerda) presentou os cursos en Vilagarcía
UNIVERSIDADE DE VERÁN DA USC. A auga como ben común, igualdade de xénero, dislexia e a modernización da xustiza, son os temas que se analizarán nesta programación estival

Catro son os cursos que integran a oferta do Campus de Verán da USC en Vilagarcía de Arousa, presentada este mércores na localidade pontevedresa coa presenza da vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, que estivo acompañada do coordinador da Universidade de Verán da USC, Pablo Sampedro, e dos responsables dos cursos presentados.
Así, Vilagarcía será sede dos encontros ‘A auga como ben común: medio ambiente e sociedade’, ‘Un mundo de iguais: loitando pola igualdade e contra a violencia de xénero’, ‘Dislexia: implicacións na linguaxe verbal e matemática’ e ‘Xustiza e novas tecnoloxías: a modernización da Xustiza en España, unha tarefa pendente’.
A auga como ben comúnA auga como ben de consumo: medio ambiente e sociedade’ celebrarase en xullo no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, para subliñar a importancia da auga como produto de consumo e como compoñente básico da biosfera.
Dirixido por Fernando Cobo Gradín e María José Servia García, consta de 32 horas, entre o 7 e o 10 de xullo, nas que se analizará a disparidade de intereses que concorren arredor do consumo da auga e como compoñente natural. Así, tamén se tratará o papel que xogan os diferentes axentes implicados, tendo en conta ademais as advertencias da comunidade científica e de moitas agrupacións ecoloxistas.
Un mundo de iguaisAproximar aos profesionais do Dereito o tratamento dos problemas, as ameazas e as desigualdades ás que teñen que facer fronte as mulleres na sociedade actual, é o obxectivo do curso ‘Un mundo de iguais: loitando pola igualdade e contra a violencia de xénero’. Os seus destinatarios son de xeito particular o colectivo de mulleres xuristas, estudantes de Dereito, así como todas as persoas afectadas polas materias recollidas no programa.
Dende unha perspectiva multidisciplinar procúrase sensibilizar á sociedade respecto á situación das mulleres, ofrecendo ao mesmo tempo respostas, para o que se fai instrumento imprescindible o ordenamento xurídico, divulgando as reformas lexislativas en materia de igualdade e violencia contra a muller. A visión que se trata de ofrecer é crítica, desde unha perspectiva de xénero.
DislexiaCunha carga lectiva de 30 horas e baixo a dirección de Paula Outón, o curso ‘Dislexia: implicacións na linguaxe verbal e matemática ofrecerá aos participantes coñecer as principais liñas de investigación que se están a desenvolver no ámbito da dislexia. Dende este punto mostraranse as principais novidades neste ámbito, para a súa comprensión e valoración crítica. A integración deste coñecemento permitirá a súa utilización na elaboración de programas de intervención en linguaxe verbal e matemática adaptada a escolares e adultos disléxicos.
Xustiza e novas tecnoloxíasO curso ‘Xustiza e novas tecnoloxías: a modernización da Xustiza en España, unha tarefa pendente’ aborda o estado actual da Xustiza e a importancia da súa modernización, non só dende o punto de vista organizativo e de xestión, senón tamén na tramitación e desenvolvemento dos diferentes procedementos.
Deste xeito, na primeira sesión analizarase o uso dos adiantos tecnolóxicos na oficina xudicial. A segunda versará sobre a aplicación das novas tecnoloxías na fase de investigación do proceso penal. Finalmente, a terceira sesión centrarase no emprego dos novos medios de proba no proceso civil, medios que se regulan por primeira vez na Lei de Enxuizamento Civil 1/2000.

The contents of this page were updated on 06.17.2009.