Skip to main content

A USC será sede en 2010 do Foro de universidades chinas e españolas

Senén Barro recibiu á comitiva china e ministerial no seu despacho de San Xerome
Senén Barro recibiu á comitiva china e ministerial no seu despacho de San Xerome
O embaixador Zhu Bangzao visitou este venres o Campus de Santiago

A de Santiago será a universidade española que na primeira metade de 2010 reúna a institucións de educación superior de España e Chinas nun Foro internacional. A preparación deste importante evento comezou este venres coa visita a Santiago do embaixador chino en Madrid Zhu Bangzao, que foi recibido polo reitor Senén Barro en San Xerome.
Na visita participaron ademais os vicerreitores de Política Internacional, de Cultura e de Investigación e o director xeral de Relacións Internacionais do Ministerio de Educación, José Manuel Martínez Sierra. Precisamente, este último destacou que a visita ten unha “importancia significativa para o conxunto da educación superior en España”.
Segundo se puxo de manifesto nesta xuntanza, o encontro tamén responde ao desexo de reforzar os vínculos académicos entre España e China nos ámbitos da docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento ao sector produtivo. Ademais, trátase de afianzar a incorporación da lingua e a cultura chinas ás universidades españolas, algo que a USC xa incorporou na súa oferta de actividades.
Xa pola tarde, a partir das 16:50 horas, a delegación iniciará un percorrido por diversas instalacións do Campus Sur comezando pola Facultade de Bioloxía, e rematará ás 20:00 horas cunha recepción na Biblioteca América (Colexio de Fonseca) á que asisten autoridades académicas e civís, ademais dunha representación de empresarios galegos e chinos. Está confirmada a presenza do alcalde compostelán, do director xeral de I+D da Xunta e do presidente do Consello Social da USC.

The contents of this page were updated on 11.06.2009.