Proxección da cinta 'The great Mr. Hendel' no ciclo que conmemora o 250 aniversario da morte do músico
O ciclo ‘Catro visións de Haendel’ ofrece este martes 10 a oportunidade de visionar ‘The great Mr. Hendel’, un biopic dirixido en 1941 por Normal Walker, considerado unha rareza cinematográfica na que se narran dende o punto de vista da ficción cinematográfica as circunstancias nas que Haendel compón e estrea O Mesías, nun momento no que xa deixara de ser o gran autor de óperas admirado polo público londinense.
A presentación da cinta correrá a cargo do catedrático de Historia do Cine, Ángel Luis Hueso, nun acto que está programado para as 19:00 horas na Aula 15 da Facultade de Xeografía e Historia.
Este ciclo é unha iniciativa da Facultade de Xeografía e Historia, a través da Área de Música do seu Departamento de Historia da Arte, coa que pretende render homenaxe ao compositor de orixe alemá Georg Friedrich Haendel, cando se cumpren 250 anos da súa morte. Trátase dunha serie de proxeccións comentadas, algunhas delas de difícil localización na actualidade.