Skip to main content

A Fundación CEER presenta a banda deseñada 'Coñecía Darwin a serpe das sete cabezas'

A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER) súmase aos actos da Semana da Ciencia coa presentación da obra Coñecía Darwin a serpe das 7 cabezas?, banda deseñada que se poderá descargar de balde dende a web da fundación e da que é ilustradora e guionista Idoia de Luxán. Esta é unha iniciativa coa que se pretende contribuir á difusión da investigación do evolucionismo, conmemorado o ano Darwin.
O acto de presentación presidirao o reitor Senén Barro o vindeiro luns 16 no Salón de Actos da Facultade de Bioloxía a partir das 18:30 horas. Asistirán ademais o decano deste centro compostelán, Jaime Gómez Márquez, e o director do CEER, Carlos Ferras.
De inmediato, celebrarase un debate no que os participantes tentarán responder á pregunta ‘É posible innovar na divulgación da ciencia?’. Participarán Francisco G. Quiroga, project manager da Fundación CEER, Xurxo Mariño, membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega, e Elias Torres, profesor de Filoloxía Galega.
Estas mesmas xornadas de presentación repetiranse ao longo da semana no Salón de Graos da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) o mércores 18 e na Reitoría da Universidade da Coruña o venres 20, esta última sesión reservada aos medios de comunicación.

The contents of this page were updated on 11.13.2009.