Continúa aberta a matrícula no X Curso de especialización en Patentes, marcas, dereito de autor e competencia
O Instituto de Dereito Industrial da Universidade de Santiago organiza a décima edición do seu Curso de Especialización en Patentes, Marcas, Dereito de autor e Competencia no que se ofrecerá unha visión exhaustiva desta parcela do Dereito tanto no ámbito estatal como no internacional. O prazo de matrícula permanece aberto ata o 30 de novembro.
As clases do curso, dirixido a licenciados universitarios, impartiranse de luns a venres en horario de tarde, comezando o 11 de xaneiro de 2010 e rematando o 9 de abril. A formación teórica completarase ademais coa elaboración obrigatoria dun traballo de investigación. Para maior información poden dirixirse á secretaría do curso a través do correo electrónico mdelcarmen.nieves [at] usc.es (mdelcarmen[dot]nieves[at]usc[dot]es).
Ao longo do curso, dirixido polo profesor Ángel Fernández-Albor, os alumnos adquirirán coñecementos estruturados en seis módulos que comezarán cunhas nocións preliminares para logo afondar no Dereito de autor e afíns; de marcas e outros signos distintivos; de patentes; da competencia desleal e da publicidade; e de defensa da competencia. O claustro docente confórmano catedráticos e profesores titulares das Universidades de Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Alcalá de Henares e Complutense de Madrid.
O Instituto de Dereito IndustrialO Instituto de Dereito Industrial da Universidade de Santiago (Idius) comezou a súa andadura en 1974 como centro de investigación, formación e promoción da propiedade industrial, intelectual e Dereito da competencia, impulsado polo catedrático Carlos Fernández-Nóvoa. Na actualidade o Instituto, con sede na área de Dereito Mercantil da Facultade de Dereito da USC, está dirixido polo catedrático de Dereito Mercantil Ángel Fernández-Albor.
O Idius, que integra a profesores e investigadores especialistas na materia pertencentes á Universidade de Santiago e a outras de España, ten consolidado o seu prestixio a nivel nacional e internacional, sendo hoxe centro de referencia para investigadores de todo o mundo.