Skip to main content

Xornada no CEA sobre a colaboración público-privada para o descubrimento de fármacos en España

Expertos do ámbito farmacéutico de todos os sectores reúnense este xoves no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago para presentar e impulsar nunhas xornadas as iniciativas de colaboración público-privadas que se están producindo no descubrimento de fármacos.
A inauguración do encontro estivo presidida pola vicerreitora María José Alonso e nela participaron tamén o director xeral de I+D+I, Ricardo Capilla; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Díez de Castro, o coordinador Industrial de PTEMI, Javier Urzay; e o xefe de división de Ciencias da Vida do CDTI, Nabil Khayyat.
Na xornada, enmarcada nas actividades da Rede Galega de I+D de fármacos e do proxecto ChemBioGal, preséntase ademais a Primeira Guía de Centros de Descubrimento Temperán de Fármacos (Screening Preclínico) en España, promovida pola Plataforma Española de Medicamentos Innovadores na que participaron institucións públicas e privadas e que quere converterse nunha ferramenta de traballo útil para todos os implicados na investigación de medicamentos.
Entre os participantes no encontro destacan as empresas Esteve, Almirall e Palau Pharma; as biotech BrainCo Biopharma, Oryzon Genomics, Progenika Biopharma ou GalChimia, así como numerosos organismos científicos e universitarios. Precisamente será a profesora Maribel Cadavid, da USC, quen modere unha mesa redonda sobre redes de investigación na que participan Ferran Sanz, da RETIC en Informática Biomédica; Mabel Loza (USC), da Rede Galega en I+D de Medicamentos; Alejandro Pazos (UDC), da Rede Galega de Bioinformática; e Ángel Carracedo (USC), da Rede Galega de Xenética de Enfermidades Neurolóxicas e Psiquiátricas.

The contents of this page were updated on 11.19.2009.