Skip to main content

500 persoas participan nas Xornadas Técnicas de RedIRIS

O encontro celébrase en Ciencias da Comunicación entre os días 25 e 27

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolle dende este mércores 25 e ata o vindeiro día 27 as 20ª Xornadas Técnicas de RedIRIS. Nesta edición danse cita 500 expertos e responsables TIC de universidades e centros de investigación da comunidade de RedIRIS, para intercambiar información e experiencias. Catorce empresas patrocinadoras do evento están tamén representadas no encontro.
O acto inaugural, previsto para ás 10:00 horas, presidirao o vicerreitor de Profesorado e Organización Académica, Juan Viaño, que compartirá mesa co subdirector xeral de Planificación de Infraestruturas Científicas e Tecnolóxicas do Ministerio de Ciencia e Innovación, Jose Ignacio Doncel; a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mª del Mar Pereira; o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla; o director de Operacións de red.es, Carlos Cano; e a concelleira delegada de Facenda do Concello de Santiago, Rosa M. Fernández Somoza.
A conferencia inaugural impartiraa José Rivas Rey, representante do Centro Ibérico de Nanotecnoloxía; e a conferencia plenaria será impartida por Vassilis Maglaris, presidente da Asemblea Xeral do proxecto europeo Géant, cuxa terceira xeración (GN3) presentará aos asistentes.
Durante os tres días nos que se levará a cabo o encontro, que se organiza coa colaboración da USC e do CESGA, se realizarán diversas sesións paralelas con relatorios sobre diferentes temáticas, como identidade dixital, contidos en rede, seguridade e privacidade, virtualización, integración de servizos, servizos de colaboración e aprendizaxe en rede e xestión de infraestruturas.
No acto de clausura, o vindeiro venres 27, está prevista a presenza do decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Pereira Fariña, e do director de RedIRIS, Tomás de Miguel. Este acto estará precedido polos relatorios plenarios de Ignacio Martín Llorente, da Universidade Complutense de Madrid, e de Miguel Álvarez Rodríguez, do Ministerio de Presidencia, que versarán sobre ‘OpenNebula: Tecnología Open-source y Basada en Estándares para Cloud Computing’ e ‘Proyecto STORK: Interoperabilidad de las Identidades Electrónicas en Europa’, respectivamente.
Estas sesiones, como todas as das Xornadas, pódense seguir mediante streaming dende http://www.rediris.es. A este encontro, como é habitual, lle precederon os Grupos de Traballo de RedIRIS, que se celebraron no mesmo centro compostelán este luns e martes, xunto ás xuntanzas do Comité Asesor de RedIRIS e a reunión de RedIRIS cos responsables de redes académicas autonómicas.
RedIRISRedIRIS é a rede de comunicación avanzada da comunidade académica e científica española, fundada en 1988. Conta con máis de 350 institucións académicas e de investigación afiliadas, que agrupan a máis de 150.000 investigadores e aproximadamente 2 millóns de usuarios potenciais. Está financiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación e incluída no seu mapa de Instalacións Científico Tecnolóxicas Singulares. Faise cargo da súa xestión a entidade pública empresarial red.es, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. Para máis información, http://www.red.es/ e http://www.rediris.es/

The contents of this page were updated on 11.24.2009.