Skip to main content

O reitor da USC presenta en Madrid o proxecto Campus Vida ante un Comité Internacional de Expertos

Esta actividade forma parte da convocatoria de Campus de Excelencia Internacional

O reitor Senén Barro presentará este mércores 25 en Madrid, diante dun comité Internacional de expertos, o proxecto CAMPUS VIDA co que a Universidade de Santiago de Compostela concorreu á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional. Esta presentación terá lugar no Hotel Meliá Castilla (Capitán Haya, 43), a partir das 10 horas, xusto despois de que o ministro de Educación, Ángel Gabilondo, inaugure a xornada. Nela, comezando co reitor compostelán, comparecerán os líderes de 18 proxectos (15 correspondentes a universidades públicas e 3 de institucións privadas) para entrar na segunda fase desta convocatoria de Campus de Excelencia Internacional.
En Madrid, o reitor contará co apoio dunha comitiva da que forman parte o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o alcalde de Santiago, o presidente do Consello Social da USC e unha importante representación de institucións e empresas. Ao acto asistirán preto de cincocentas persoas, xunto cos membros do comité internacional que van facer a avaliación dos proxectos.
Co seu proxecto CAMPUS VIDA a USC foi unha das universidades españolas mellor avaliadas na primeira fase desta convocatoria, contando co apoio de varias institucións publicas e privadas. O Ministerio de Ciencia e Innovación, nunha convocatoria complementaria do Programa Campus de Excelencia Internacional correspondente ao Subprograma de I+D+i e Transferencia, concedeulle unha subvención de 4 millóns de euros. Neste subprograma foi, xunto coas Universidades Politécnica de Madrid e Autónoma de Barcelona, unha das tres mellor valoradas.

The contents of this page were updated on 11.24.2009.